|
A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal -dependente da Consellaría do Medio Rural-, en colaboración co Consello Regulador da D.O. Monterrei, promove a Xornada técnica sobre os factores influíntes na elaboración de viños tintos de calidade, que se celebrará o vindeiro día 3 de setembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, en horario de 9.30 da mañá a 20.30 da tarde.
A esta acción formativa, que estará coordinada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza (EVEGA), poderán asistir un máximo de 50 persoas, fundamentalmente persoal da Consellaría, relacionado coa viticultura e a enoloxía, así como membros das empresas acollidas aos diferentes Consellos Reguladores das denominacións vitivinícolas de Galicia, técnicos, enólogos, estudantes das ramas agraria e vitivinícola, produtores e adegueiros.
O profesorado encargado de impartir os contidos incluídos na xornada pertence á propia EVEGA, á Direcção Regional de Agricultura e Pesca do Norte (Portugal) e ao Instituto Tecnológico Agrario de Castela e León. Durante o transcurso da mesma trataranse temas relacionados coa enoloxía, co estudo e cultivo da vide e coas técnicas de elaboración dos viños tintos.
O eixe central xirará arredor da influenza de diferentes factores culturais na calidade das uvas Mencía e Tempranillo; dos rendementos de produción da uva de calidade; dos efectos da microsixenación e das novas técnicas de envellecemento acelerado do viño tinto, ou da caracterización agronómica e organoléptica de diversas castes, como as da Região de Trás-os-Montes. Os asistentes tamén terán a oportunidade de coñecer con detalle as características agronómicas, enolóxicas e organolépticas das variedades tintas da D.O. Monterrei e organizarase unha cata de viños experimentais da mesma.
As persoas interesadas poden apuntarse ata o día 2 de setembro e obter máis información, así como cubrir os formularios da solicitude, na seguinte ligazón: http://mediorural.xunta.es. |