|
O Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Vigo (Policarpo Sanz, 21) acollerá mañá a proxección de ‘Ladrón de bicicletas’, o primeiro filme do ciclo ‘Mestres Italianos’, unha iniciativa que renova o esforzo desta institución por achegar e manter esta disciplina na súa rede de espazos culturais. A cita será mañá, martes 29 de abril, ás 18.00 en versión dobrada ao castelán e ás 20.30 horas en versión orixinal subtitulada.
Nesta ocasión exhibirase na sala da Fundación Caixa Galicia o filme ‘Ladrón de bicicletas’, de Vittorio de Sica, obra mestra do neorrealismo italiano. Xunto a ‘O limpabotas’ e ‘Umberto D’ pecha a triloxía do seu director sobre o drama de Italia tras a II Guerra Mundial.
Entre os intérpretes, actores non profesionais que de Sica descubría grazas a un especial instinto. No papel protagonista Lamberto Maggiorani –un obreiro que levaba ao seu propio fillo ás probas para o papel de Bruno–, Lianella Carell como María –unha xornalista que lle ía facer unha entrevista– ou Enzo Staiola como Bruno –a quen descubriron mentres contemplaba a rodaxe do filme–.
Recibida na súa estrea con moderado entusiasmo en Italia e con gran énfase en Francia, obtería o Óscar á mellor película estranxeira en 1949. Desgarrada, dramática e cunha dureza que os anos non puideron debilitar.
Ladrón de bicicletas (1948)
Dirección: Vittorio de Sica
Fotografía: Carlo Montuori
Guión: Cesare Zavattini, Vittorio de Sica, Oreste Biancoli, Suso CECI D’Amico, Adolfo Franci, Gerardo Cherardi e Gerardo Guerrier
Montase: Eraldo de Roma
Intérpretes: Lamberto Maggiorani, Enzo Staiola, Lianilla Carell, Vittorio Antonucci, Giulio Chiari, Gino Saltamerenda, Elena Altieri.
Sinopse: Italia, inmediata posguerra. Casado e pai de dous fillos, Antonio leva máis de dous anos en paro cando por fin o contrata unha empresa para pegar carteis. Unha bicicleta é o requisito para o traballo, que logra desempeñar tras vender toda a roupa de cama. Pero ao día seguinte, na primeira xornada de traballo, róubanlla e desesperado comeza, acompañado do seu fillo Bruno, a procura desta... |