| O profesor salmantino Ángel Rodríguez Gallardo presentará este
venres ás 20.30 horas en Ponteareas o seu libro 'Memoria e
silencio na Galicia contemporánea', unha obra que recolle a memoria dos
represaliados durante o franquismo en Galicia. O autor será presentado
polo escritor Xesús Alonso Montero.
Trátase dun novo volume da colección Investigación da editorial Alén
Miño, no que se reúnen 15 entregas realizados para o quincenario A
Peneira sobre diversos represaliados, como Eduardo Rodríguez Gil, das
Neves, Bernardo Muíños, taxista de Ponteareas, ou Herminio González
Cobelo.
Rodríguez Gallardo traballa na actualidade como investigador
convidado no Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa, onde está
desenvolvendo un proxecto de investigación sobre a ideoloxía nos
discursos dos refuxiados españois en Portugal durante a guerra civil
española.
Entre a súa obra atópase 'Letras armadas. As vidas de Enriqueta
Otero Blanco' e 'O ruído da morte. A represión franquista en
Ponteareas', co que conseguiu o III Premios de Investigación Fermín
Bouza Brei.
Ademais, preside dende a súa fundación en 2006 a Asociación Memoria
Histórica do 36 de Ponteareas e figura como asesor do proxecto
interuniversitario 'As vítimas, os nomes, as voces e os lugares'. |