|
Un, que xa vai tendo os seus aniños, cando xa está a piques de se convencer de que pouco ou nada hai xa que o poida sorprender, pois sempre xorde algún novo episodio de realidade grotesca que sobarda á máis fantasiosa das ficións. Un deles é comprobar como Nuevas Generaciones de Madrid vén de lanzar unha campaña de slogan “Disfruta con tu lengua” en defensa, como non, do libre emprego do castelán, que seica en Madrid debe estar tamén discriminado. Claro, como nas oficinas de La Caixa da capital madrileña non pon “La Caja”, pois discriminación que te criou.
Pero se cadra, ese era o dato que me faltaba para encetar un crebatestas de difícil resolución. Porque vexamos: que foi o que lle dixeron a ese rapaz de Vigo que tivo a ousadía de pedir traballo nun hotel da cidade empregando o galego na entrevista? Pois iso mesmo!: “Hale, majo: disfruta con tu lengua”.
Que foi o que lle dixeron en resposta ao seu e-mail ao traballador de Navantia que tivo o descaro de pedir asesoramento informático en galego aos técnicos da súa empresa? Outro tanto: “Hale, majo: disfruta con tu lengua”.
Que lle dixeron ao cliente de Springsfield que foi felicitado en portugués cando este aclarou á empresa que a súa lingua era o galego? Outra volta máis: “Hale, majo: disfruta con tu lengua”.
Por iso os peperitos madrileños escollen ese lema para a súa campaña: “Disfruta con tu lengua” é o que adoitan contestarlles aos que pretenden non xa disfrutala, senón empregala con normalidade. Esa é a razón pola que en Galiza iso nunca o escoitarán os castelán falantes. Nin iso nin outras cousas humillantes que temos que aturar os que tratamos de facer do galego algo normal.
Iso sí, malia todo isto, algúns fan manifestos ao abeiro de pseudo-intelectuais e adulteradores profesionais do xornalismo; e outros, como os esperanciños madrileños, fan campañas usurpando a imaxe pública de deportistas sen consentimento destes. Pero eles non son extremistas, non. Sómolo nós, por suposto. Debe ser por estarmos tan extremadamente calados cando aldraxan decote ao noso idioma. |