Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión

Escanos provincianos

por Ramón Latas - 03/05/2008

E conste que o título non se emprega con esa connotación despectiva que adoita acompañar ao término “provinciano”, especialmente cando é empregado desde Madrid. “E logo Madrid que carallo é máis ca unha provincia?”, retrucaba sabiamente un petrucio cando aínda non se sospeitaba que dita provincia remataría por ser unha comunidade autónoma gobernada por aqueles que non hai tanto renegaban das autonomías e da nai que as pariu, e que sen embargo hoxe non teñen inconveniente en empregala para promocionar unha “lideresa” contra do “líder ese” que hai agora no partido máis partido dos últimos tempos.

Ben, pois voltando ao comezo, o BNG vén de presentar no Congreso unha proposición non de lei para que nos comicios supramunicipais, a circunscrición electoral sexa a comunidade autónoma. É sabido que esta é unha vella arela nacionalista, pero logo dos últimos comicios estatais e os seus resultados, as voces discrepantes coa idoneidade da representatividade provincial fixéronse notar dun xeito máis significativo ca noutras ocasións.

Coido que non se lle escapa a ninguén que o papel político e administrativo da provincia, comparado co da comunidade autónoma, é puramente anecdótico cando non case inexistente. De feito, xa ten narices, por non dicir outras peculiaridades anatómicas, que a circunscrición sexa a provincia para elixir todos os parlamentos e corporacións agás, precisamente, a provincial, que ten un sistema de elección que é un fraude en toda regra. Os votos das municipais, empregados para decidir –daquela maneira- deputados provinciais. É como se empregan os votos que elixen aos presidentes de comunidades de veciños, para de paso decidir quen nos vai representar en Eurovisión.

E con todo, malia o lóxico e realista da proposta do BNG, que ninguén se faga ilusións. Aquí non se vai modificar nada que non beneficie aos grandes. E os números cantan por sí sós: con circunscrición autonómica, nas últimas xerais perderían escanos verbo da circunscrición provincial o PSOE (2), o PP (3) e CiU (1); mentres que os gañarían IU (4), ERC (1) e BNG (1). E claro, non están as cousas como para lle dar máis cancha ao rojerío separatista. Paradoxicamente, aos señoritos de Madrid seguénlles molando máis os escanos “provincianos”.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 86 votos
¿Cree que la ley debería ser más rigurosa contra infractores reincidentes como 'Makelele', implicado en las muertes de Jenaro de la Fuente?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com