|
Os consumidores non volverán ver, en moito tempo, a botella de aceite de xirasol cos mesmos ollos e pode que, a partir da crise que acaba de vivir o Goberno español, o rostro do ministro de Sanidade e Consumo pase a ser un dos máis coñecidos do Gabinete de Zapatero. Consumidores, produtores, distribuidores e unha fileira longa de cidadáns fixarán na retina a súa cara.
A alerta do ministro Bernat Soria puxo a un tempo en cuestión a seguridade alimentaria, a trazabilidade dos alimentos, o principio de precaución e a seriedade dun Goberno que primeiro alertou e poucas horas despois desconectou a alarma.
¿Foi para tanto o risco de intoxicación? Está claro que o Goberno velou pola saúde dos consumidores e, en relación a esta, ningunha medida é pouca. Retiráronse axiña dos establecementos todos os recipientes con aceite da partida sospeitosa de Ucraína pero, sen embargo, resulta desconcertante que a alerta se pechase con tanta présa.
Para dar por rematada a crise, o ministro realizou unhas declaracións tallantes no sentido de que non existe no mercado ningunha botella que poña en perigo a saúde dos consumidores e mesmo tivo a “graza” de retar a un xornalista a que lle trouxese aceite tóxico para compartilo entre os dous, se o periodista era quen de atopar unha botella en mal estado.
Quedamos coa mensaxe tranquilizadora de que todo o aceite de xirasol que está no mercado é seguro. Queda pois, sen efecto, a recomendación de evitar o seu consumo. Queda tamén a dúbida de por que a transparencia esgrimida polo Goberno na resolución da crise de 72 horas non incluíu unha relación completa das marcas si contaminadas. |