Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión

Escoitar

por Rosa Aneiros - 17/04/2008
Hai tempo púxose en marcha o fascinante proxecto Escoitar.org, unha iniciativa que pretende rescatar e recoller os sons en perigo de extinción en Galicia. Trátase de crear un gran banco con sinais acústicos, sons industriais e de interacción social que configuren o mapa do que somos.

 Do que falamos, das ondas do mar, das badaladas das campás. As gravacións que nos ofrece o seu sitio web tráennos os murmurios da Devesa da Rogueira no Courel, os sons da praza da Quintana, as castañas ao escachar os ourizos, as caricias das ribeiras do río Sarela, o trasego das rúas da Coruña, os bechos nunha noite estrelecida. Aí está a tecerse a nosa memoria auditiva, unha gran rede de sons que nos definen e nos reconcilian co espazo que habitamos. Ás veces non sabemos escoitar. Ás veces deambulamos por estradas e rueiros mergullados no noso propio balbordo interior e perdemos as chamadas de atención da realidade que nos rodea. Decote, os creadores tamén esquecemos escoitar. Creamos obras sen atender aos destinatarios e ficamos aillados no noso mundo imaxinario, nese mundo fantástico de papel, pedra, notas musicais que nunca nos protesta. Escoitar aos lectores, aos oíntes e aos espectadores é descubrir a verdadeira faciana da arte e encontrarnos coas nosas propias obras. Por iso, os clubes de lectura supoñen encontros marabillosos onde a maxia da literatura abrolla sen cortapisas. Neste mes do libro, os clubes da lectura deberan ser os grandes titulares polo seu profundo labor pola difusión da lectura. Porque é unha sorte poder escoitar a voz nacida das páxinas dun libro, ese que un día foi teu e un día pasou xa a formar parte dese gran patrimonio colectivo que é a literatura.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 38 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com