|
Nun xesto sorprendente, Yasuo Fukuda presentou a súa dimisión como primeiro ministro de Xapón. Inmerso nunha acelerada perda de credibilidade por mor da súa incapacidade para viabilizar a acción do goberno en temas esenciais, Fukuda non foi quen de facer valer a súa autoridade nunhas condicións políticas inéditas para o seu partido ante a falta de control do Senado, onde a maioritaria oposición bloquea, unha tras outra, as súas iniciativas. Despois da derrota nas eleccións á Cámara Alta, celebradas en xullo de 2007, o seu antecesor, Shinzo Abe, dimitía ao pouco. Ese pesado e inhabitual fardo e a incapacidade para tender pontes co rival Partido Demócrata, derivou nunha parálise da acción de goberno. Nos últimos meses, Fukuda, que moitos saudaron hai un ano como a derradeira e segura esperanza do Partido Liberal Democrático (PLD), a duras penas conservaba un 20% de popularidade, fronte ao 50% de comezos do mandato.
Agora, o PLD convocou eleccións internas para o 22 de setembro coa vontade de suxerir ao Parlamento un novo candidato que, a priori, ten asegurado o visto e prace. Non obstante, a nova prórroga podería servir de ben pouco se o primeiro ministro elixido non logra superar esta situación de agonía política que, á postre, beneficia unicamente as expectativas dunha oposición virada para a convocatoria de eleccións anticipadas, sabedora de que esta posibilidade beneficiaríalle máis amplamente.
Por outra banda, esta dimisión de Fukuda podería traducirse en algo máis ca un cambio de caras na xefatura do goberno, dirimindo un novo episodio das liortas internas que nos últimos tempos veñen tensionando as diferentes faccións que conviven no seo do gobernante PLD, cada unha delas con proxectos matizadamente diferentes. Se Fukuda deu firmes pasos para normalizar as relacións con China e outros países veciños sen menoscabo de reivindicar un papel máis activo para Xapón nos asuntos internacionais, o seu substituto podería adoptar posicións máis inflexibles, especialmente en temas de seguridade. Taro Aso, no seu día derrotado internamente por Koizumi, Abe e Fukuda, é o principal falcón desa política nipona, partidaria de reforzar a tradicional ubicación xeopolítica de Tokio, e podería chegarlle agora a súa oportunidade.
Xulio Ríos é director do IGADI (www.igadi.org) |