|
A Consellería de Traballo xestionará 24 millóns de euros máis ao longo deste ano, que estarán dirixidos a subvencionar a posta en marcha dos distintos programas de emprego que promove. Con esta nova partida económica, o departamento que dirixe Ricardo Varela contará cun total de 48 millóns de euros para o desenvolvemento do I Plan Integral de Emprego de Galicia (PIEG) en 2008.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se amplían os créditos e os prazos de presentación de solicitudes de determinados programas de emprego, impulsados por este departamento da Xunta de Galicia, ao abeiro do I PIEG.
En virtude do I PIEG, Galicia foi dotada cun orzamento de 192 millóns de euros, cofinanciados polo Estado e a Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento dun plan cuadrienal na procura da converxencia de Galicia con España en materia laboral. Cómpre recordar que o pasado mes de maio, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o novo ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, mantiveron unha reunión na que abordaron a futura negociación do II Plan Integral de Emprego de Galicia (PIEG). Este plan, que se desenvolverá entre 2010 de 2013, dará continuidade ao vixente, iniciado en 2006 e que finaliza o ano que vén.
Así pois, o crédito concedido polo Goberno central servirá para subvencionar os programas de cooperación. O obxectivo destas medidas é financiar a contratación de traballadores para a realización de obras ou servizos de interese social. Neste caso só se financiarán as actuacións que realicen os concellos incorporados á Rede Natura 2000-Lugares de Importancia Comunitaria (Zonas LIC), para a promoción do emprego nas ocupacións relacionadas cos novos viveiros de emprego vinculados ao medio ambiente.
Tamén se inclúen dentro da partida económica para os programas de cooperación aquelas actuacións cos concellos e asociacións sen ánimo de lucro que teñan por finalidade mellorar as condicións de vida dos colectivos en risco de exclusión social, ben pola adquisición de experiencia ou por medio da mellora da súa empregabilidade.
Outra das iniciativas que se poderán subvencionar con este presuposto son as actuacións con asociacións empresariais e sindicais do sector da construción e outros sectores que o requiran, debido a carencias formativas ou de índices de sinistralidade rexistrados.
http://traballo.xunta.es |