|
A Deputación de Pontevedra e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro presentarán o 14 de abril, no Pazo Provincial, o Proxecto ‘A investigación agraria: un instrumento para o progreso da Humanidade’, que se desenvolveu en colaboración coa Misión Biolóxica do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Na presentación do material desenvolvido no proxecto, contarase coa presenza do equipo que desenvolveu o material e distribuirase un resumo do programa e dos materiais realizados, composto polo seguinte catálogo ‘¿Qué fai o ADN por nós?: os marcadores moleculares na Agricultura’, ‘As plantas e as bacterias beneficiosas: a fertilización biolóxica simbiótica’, ‘Agricultura e alimentación: as proteínas vexetais nunha alimentación saudable’ e ‘A Vide: un cultivo para a sociedade’, realizados na Misión Biolóxica do CSIC. Por outra banda, ‘As plantas e a fauna útil: os insectos beneficiosos’ e ‘A Camelia: unha vía para a xardinaría e a conservación das plantas’, realizados na Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Os materiais xerados son de carácter multisectorial e transversal, de xeito que poidan contribuír ó progreso da cultura científica de diferentes capas da poboación a nivel educativo, no ensino primario, secundario e universitario, para procedencias rural e urbana, e rede social composta por estudantes, agricultores o consumidores.
Cada material ven acompañado de texto de apoio, como base para o debate que seguirá á correspondente exhibición dos materiais. Adicionalmente, preparouse un DVD que recolle todos os anteriores coa finalidade de poder usarse en presentacións máis globais, co título do Proxecto ‘A investigación agraria: Un instrumento para o progreso da Humanidade’.
Integraron o equipo do proxecto, por parte da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, os doutores Antonio M. De Ron, investigador científico, xefe de departamento e coordinador do proxecto, Marta Santalla, investigadora científica, Antón Masa, científico titular, e as investigadoras Paula Rodiño, Mar Vilanova e María De la Fuente. Por parte da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, os doutores Pedro Mansilla, xefe do Servizo de Fitopatoloxía, María Carmen Salinero, xefa da sección de Horticultura, Pilar Vela, xefa de Unidade de Biotecnoloxía Vexetal e a enxeñeira Rosa Pérez, xefa da unidade de Entomoloxía.
|