|
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou esta tarde nas ‘I Xornadas sobre a produción e a comercialización da horta’, que se celebraron na Casa da Cultura de Ribadumia, a creación de dúas liñas de axuda para o sector hortícola. A primeira, de renovación e adquisición de plásticos térmicos de cuberta para invernadoiros, adquisición de mantos de acolchado e elementos tipo malla, e a segunda, para a renovación dos sistemas de rego.
O encontro cos diferentes agricultores e representantes das cooperativas agrarias serviu para poñer enriba da mesa moitas das inquedanzas do sector da horticultura, que ven acusando nas últimas datas un estancamento nos prezos que se une ó incremento dos custes de produción, o que se traduce nunha perda considerable de rentabilidade.
A Deputación de Pontevedra organizaba estas xornadas na procura dun bo diagnóstico do problema, algo que, en palabras do presidente, “resulta fundamental para aplicar a medida correctora adecuada”, quen apuntou que “é necesario e imprescindible que os diferentes axentes implicados se senten a falar e discutir sobre o tema”.
As xornadas, nas que participaron produtores, comerciantes e técnicos, perseguían o único obxectivo de aproximarse á realidade e situación actual da nosa horta. Repasouse o mundo da horta desde a perspectiva de Roberto Vázquez Cores, enxeñeiro do departamento do Servizo Agrario da Deputación, Roberto López Tuset, produtor na zona de Bergantiños e comerciante e provedor dos produtos da horta, Alberto Amil Chaves, presidente da Cooperativa Horsal e produtor na zona do Salnés, Joâo Gabriel Campos Neves, xerente e director xeral de PAM, empresa portuguesa dedicada á transformación e comercialización de produtos hortícolas, e Manuel Arís Arribas, director de froiterías e pescaderías de distribucións Froiz, coa finalidade de reorientala no camiño axeitado.
|