|  | | | | | Mostra de terra tratada co novo sistema, nas instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. | | | |
A Consellaría do Medio Rural está a elaborar, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e en colaboración coa Cooperativa Agraria da Coruña, o primeiro sistema de recomendación de abonado en todo o Estado que ten en conta o aproveitamento do xurro producido polas explotacións gandeiras como fertilizante. Segundo un comunicado de Medio Rural, os resultados obtidos até o momento amosan, tal e como afirma o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, Gonzalo Flores, “que é posible minimizar o uso de abonos químicos cunha acaída xestión dos puríns e sen que se produza unha redución na produción”.
En concreto, aclara que “en base ao uso de purín, moitas explotacións poden conseguir ser autosuficientes no abonado de potasio e fósforo e reducir así o consumo de nitróxeno mineral de modo considerábel”.
Técnicos da Cooperativa Agraria da Coruña son os encargados de tomar mostras de terra e de xurro das explotacións participantes no proxecto, todas elas integradas nesta cooperativa, que logo son trasladadas ao CIAM e analizadas para determinar o seu grao de fertilidade. Este e outros datos, como o tipo de cultivo que se vai realizar ou o abonado histórico que se vén aplicando na explotación, introdúcense nun sistema experto expresamente deseñado para esta investigación. Dito programa informático almacena a información, procésaa e realiza as recomendacións pertinentes de abonado, priorizando o uso do purín. Entre outros aspectos, calcula o número de cisternas de purín que o titular da explotación debe utilizar para abonar o terreo e, en caso de non ser suficiente o aporte fertilizante do xurro, determina o complemento de abono mineral sintético que é necesario.
Tal e como explica Gonzalo Flores, “até o de agora non existen no mercado programas de recomendación de abonado adaptados ás necesidades das explotacións gandeiras galegas e que teñan en conta o valor fertilizante do purín”. “Os que se utilizan limítanse a achegarlle aos gandeiros unha recomendación de abono mineral sintético, en función exclusivamente da análise da fertilidade do terreo e das extraccións dos cultivos”, argumenta. Normalmente son os propios técnicos das casas comerciais de fertilizantes os que asesoran directamente aos gandeiros, “de aí a importancia de contar cun sistema, como o que se está a probar dende o CIAM e a Cooperativa Agraria da Coruña, que procura fornecer os produtores dun asesoramento técnico independente”, asegura.
Beneficios económicos e ambientais
Gonzalo Flores lembra que o aproveitamento racional do xurro supón unha importante redución de gastos para as explotacións gandeiras. En 2007, os produtores galegos tiveron que facer fronte a un acusado incremento dos fertilizantes, do 85 por cento no caso do fósforo e superior ao 20 por cento no do nitróxeno. Segundo estima Juan Castro, director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a mellora da utilización do purín como fertilizante pode supor un aforro medio de 3.000 euros ao ano nunha explotación de 40 a 50 vacas.
| Inxección do purín na terra. |
Pero ademais, a valorización do xurro como abono implica tamén un importante beneficio ambiental, ao permitir xestionar correctamente un residuo xerado nas propias explotacións. Mentres que a elaboración de abonos sintéticos esixe un elevado consumo de enerxía fósil, Juan Castro indica que a substitución de fertilizantes químicos polo purín, procedente do gando vacún e porcino de Galiza, suporía un aforro en enerxía de 158 Ketp (158.000 toneladas de petróleo), unha cantidade superior á enerxía subministrada pola central nuclear de Zorita e equivalente á metade do consumo anual eléctrico de todos os fogares galegos. Ademais, apunta que “a lixiviación do nitróxeno orgánico, procedente do purín ou do esterco, é menor que a do nitróxeno mineral, polo que se reducen as infiltracións á capa freática e o risco de contaminación das augas”.
Neste sentido, o director xeral de Investigación, Gonzalo Flores, enmarca o proxecto dentro da política que está levando a cabo a Consellaría do Medio Rural e que busca, fundamentalmente, reducir os custos de produción das explotacións e fomentar unha unha agricultura e gandaría máis sustentábel e respectuosa co medio ambiente, na que se inclúan solucións para o aproveitamento dos residuos xerados na propia actividade produtiva.
Transferencia de coñecemento ao sector agrogandeiro
As explotacións gandeiras de Galiza son as que amosan un maior gasto en pensos e abonos minerais de todo o Arco Atlántico. Así o constatan os datos recollidos no proxecto de investigación Greendairy, un estudo no que participaron explotacións de once rexións do Arco Atlántico europeo (Irlanda do Norte, Escocia, Irlanda, Gales, Inglaterra, Bretaña, País do Loira, Aquitania, País Vasco, Norte de Portugal e Galiza, que formou parte da investigación cun total de dezaoito explotacións).
O estudo, rematado en 2007, amosa que, polo xeral, as análises dos solos das parcelas presentan niveis moi altos de fósforo e potasio, o que demostra que os gandeiros galegos aplican estas substancias en exceso mediante o uso de abonos químicos nos cultivos. Esta circunstancia prodúcese, sobre todo, polo descoñecemento do sector e pola ausencia até agora de estudos concretos neste ámbito. Pero, no apartado positivo, o proxecto Greendairy tamén evidencia que Galiza, xunto co Norte de Portugal é, a rexión, de todas as que participaron na investigación, que mais próxima estaría a chegar á autosuficiencia no abonado, de substituírense os fertilizantes químicos polos orgánicos xerados nas propias explotación. Precisamente, o proxecto de investigación sobre a valorización do xurro, que Medio Rural está a desenvolver, parte do coñecemento adquirido a partir desta investigación europea e tenta transferírllelo aos gandeiros. O obxectivo, tal e como destaca Gonzalo Flores, é conseguir un uso máis sostible e viable, tanto económica como ambientalmente, dos fertilizantes e mellora da eficiencia das explotacións.
| Fosa onde se garda o purín. |
|