|
A Consellería de Medio Rural autorizará a entrada de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa na D.O. Rías Baixas, se existe unanimidade no sector e o Consello Regulador "ofrece luz verde" á súa incorporación. Así o anunciou a semana pasada en Pontevedra o delegado provincial de Medio Rural, Gonzalo Constenla, tras destacar o traballo realizado nestes municipios para reestruturar os viñedos e incrementar a plantación de especies autóctonas.
Constenla entende que é "canto menos inusual" que estes catro municipios situados en plenas Rías Baixas e rodeados de concellos que están dentro da D.O., non formen parte da denominación, e si o fagan concellos da ribeira do Ulla como Padrón, Teo, A Estrada ou Vila de Cruces, "debido a unha decisión política do pasado que non comparto a pesar de ser orixinario de A Estrada".
"Os políticos non nos podemos meter a ser técnicos, unha vez que haxa decisión técnica os políticos temos que apoiala mediante axudas, melloras ou contratos homologados, pero se somos nós os que tomamos estas decisións, é cando se producen estas situacións raras", afirmou Constenla.
Con todo, o delegado de Medio Rural en Pontevedra recordou que existe un procedemento a seguir para materializar esta integración e que deben ser os técnicos, tanto da consellería como do Consello Regulador, os que emitan un informe acerca desta incorporación, que podería recomendar a entrada "non de todo o concello, senón de parroquias ou lugares en concreto deses municipios onde haxa constancia dunha boa calidade vitivinícola".
Ademais, Constenla explicou que antes desa incorporación, os técnicos poderían solicitar a apertura dun período de transición para realizar "un traballo concienzudo" de verificación desas plantacións, recollendo e analizando mostras para comprobar que se mantén o nivel de calidade que caracteriza aos viños Rías Baixas, sendo agora mesmo o "momento idóneo" para expor esta integración, ao estar redactándose o novo regulamento da D.O. |