|  | | | | | Felipe Tarrio, máis coñecido como 'DJ Sonic', triunfa co primeiro tema dance en galego, 'A festa non vai parar'. OTTO/AGN | | | |
Hai máis de trinta anos, 'Los Tamara' conseguiron un fito histórico ó facer que a mocidade bailase ó son dos primeiros temas pop en galego. Dende aquela, a situación ten evolucionado, aínda que a música en galego destaca pola súa ausencia nas pistas do país. No entanto, as cousas están cambiando, pois dende comezos deste ano veñen petando con forza os sons electrónicos de 'A festa non vai parar', o primeiro tema 'dance' en galego, obra do coruñés Felipe Tarrío.
Máis coñecido entre os noctámbulos como 'DJ Sonic', este mozo de 23 anos confesa que, dende que en 2003 comezou a súa "paixón" por este estilo, a idea de sacar un tema en galego rondáballe pola cabeza. O proxecto materializouse en decembro, cando a súa produtora catalá lle propuxo facer un single na súa lingua materna á vista das boas críticas que estaban a colleitar estes ritmos noutras autonomías.
A discográfica tamén lle presentou a quen lle poría voz ó tema, 'Isis', unha catalá que, curiosamente, é filla de galegos. Con esta combinación, é lóxico que o tema suscite o entusiasmo dos mozos galegos en tódalas salas nas que se pincha. Mais a chispa de 'A festa non vai parar' tamén prendeu en discotecas de países tan diversos como China, Xapón, Francia ou Alemaña, dende onde o 'discjokey' galego recibe todo tipo de comentarios, animándoo a lanzar xa o próximo tema na lingua de Rosalía.
"Quedei alucinado co éxito que logrou a canción", comenta Felipe ó tempo que confesa que o gusto polo 'dance' prendeu nel a finais dos 90 cos ritmos sintéticos de Gigi D'Agostino e Gabri Ponte. Con dous 'singles' ás costas, o primeiro dos cales lanzou en Italia baixo o título 'Fall in love' 'Namorarse', o coruñés prepara o terceiro para o fin do verán e adianta que tamén será en galego e contará con videoclip.
"Temos que apostar pola música electrónica na nosa lingua, nun momento en que o 'dance' está de capa caída polo predominio do 'house'", constata o polifacético mozo, que compaxina os estudos de deseño gráfico co traballo nunha radiofórmula e coa súa faceta de 'DJ' na discoteca 'Tattoo' da Estrada.
A rede
Cunha creación que xa soa nos móbiles dos galegos, Felipe atribúe parte do éxito á "libre distribución" dos seus temas na rede. Á marxe do estipulado pola SGAE, internet tórnase "no mellor medio de promoción" nun país onde "aínda non se aposta pola produción destes temas". |