|  | | | | | Young Marble Giants actuárá en Vigo o vindeiro 29 de maio. REMITIDA | | | |
A banda galesa Young Marble Giants volve aos escenarios case 30 anos despois da súa separación. Os fans gañados co álbum 'Colossal Youth' en 1980 só terán dúas oportunidades de velos en España: a primeira, no Primavera Sound de Barcelona, e a segunda, en Vigo.
O mítico grupo pecha o xoves 29 de maio a partir das 21.30 horas a programación de primavera do sexto Festival Sinsal, que nesta ocasión, se traslada ao Teatro Caixanova, con aforo para máis de mil persoas.
As entradas están á venda a un prezo de 15 euros, cun desconto do 50% para os membros da comunidade universitaria de Vigo. As localidades poden adquirirse a través da billeteira electrónica http://www.servinova.com e no teléfono 902 504 500. Tamén se pode acceder co abono para todos os eventos da estación, á venda dende abril por 20 euros.
En plena resaca do punk, Young Marble Giants emparentaba co minimalismo de Joy Division e compartían algunhas coordenadas con bandas como Scritti Politti ou Cabaret Voltaire, dun xeito singular. Con influencias tan diversas como Roxy Music, Neil Young ou Lou Reed deixaron unha pegada imborrable e marcaron a varias xeracións de músicos, dende Kurt Cobain, ata Belle and Sebastian, Stereolab ou Adam Green.
Logo da súa prematura desaparición prometeron recuncar nos escenarios en 2001, coincidindo co 25 aniversario do selo Rough Trade. Iso nunca aconteceu e o mito seguiu a medrar, alimentado polas dificultades para atopar copias do 'Colossal Youth'.
O ano pasado, a discográfica norteamericana Domino Records decidiu reeditar o disco acompañando os temas orixinais con outro material disperso, un momento oportuno para a volta da banda aos escenarios.
Música e cinema documental
Por primeira vez, e grazas á colaboración do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), o Festival Sinsal incorpora o cinema documental ao seu cartel nunha sesión dobre que terá lugar este luns, 26 de maio, a partir das 20.30 horas, no Teatro Ensalle.
Logo da actuación do guitarrista francés Michel Henritzi e o violinista nipón Rinji Fukuoka, coa participación tamén do galego Miguel Prado, ex membro de Triángulo de Amor Bizarro, proxectarase o filme 'My Name Is Albert Ayler', un filme do sueco Kasper Collins arredor desta lenda do free jazz. As entradas, ao prezo de 6 euros, poranse á venda na billeteira do propio Ensalle unha hora antes da sesión.
A nova xeira do Festival Sinsal comezará o día 7 de xuño coa actuación dos franceses Experience nunha nova sede, o Teatro Vidal Bolaño do campus universitario de Vigo. A actuación da banda de avant rock contestatario de Michel Cloup irá precedida de Dirty Projectors e dos galegos NiñoyPistola, que presentan o seu novo disco, 'Culebra'.
Os días 28, 29 e 30 de xuño actuarán os congoleses Konono No1, os norteamericanos Sightnings e Jin Hi Kim & Gerry Hemingway, respectivamente.
|