|  | | | | | Chemical Brothers en concerto. REMTIDA. | | | |
O Festival Creamfields de música electrónica, que se viña celebrando en Andalucía, chegará por primeira vez a Vigo o vindeiro 2 de agosto con Chemical Brothers na cabeza do cartel. Os concertos desenvolveranse no IFEVI, e neles participarán algúns dos djs e artistas máis relevantes da escena electrónica mundial.
Así, acompañarán os Chemical Brothers Derrick May, Vitalic, Tiga, James Holden, Angel Molina, Rex the Dog, Alexander Kowalski e Isis.
As entradas están á venda a un prezo de 45 euros ata o 15 de xullo, e poden adquirirse a través do teléfono 902 488 488, da web www.entradas.com e dos caixeiros de Caja Madrid, Caja Navarra, Ibercaja e CAI.
Biografía
Os Chemical Brothers despegaron no ano 95, co álbum 'Exit Planet Dust', cunha mestura de psicodelia, pop, folk, rock'n'roll e partículas de hip hop, techno e acid-house. Nos seus estantes xa acumulan catro premios Grammy, o último conseguido este mesmo ano, polo álbum 'We are the night'.
Pola súa banda, Derrick May, pioneiro do sonido Detroit, revolucionou a escena electrónica dos 80. Como actual director do festival de música electrónica de Detroit, Movement, May continúa alimentando a súa propia lenda.
Vitalic conseguiu con 'Poney EP' evocar unha colisión entre Nirvana e Daft Punk, e vender máis de 30.000 copias, éxito que repetiu con 'OK Cowboy'. Despois de Daft Punk e Björk, Moby pediulle un remix do seu clásico 'Go!'.
O canadense Tiga captou a atención co pop mecánico de 'Sexor', o seu primeiro álbum. Recentemente gravou co seu colega Zombie Nation o single 'Lower States of Consciousness', que fai unha referencia irónica á obra de Josh Wink.
Por outro lado, James Holden publicou en 2006 'The idiots are winning', que se desmarca das fronteiras estilísticas e dos dogmas, mentres que Ángel Molina é definido como o "Cervantes dos djs españois".
Rex the Dog irrumpiu en 2004 con 'Frequency', e dende entón é chamado o novo mellor amigo do clubber.
A paixón de Alexander Kowalski pola música de baile comezou no club berlinés Tresor, que lle aportou unha proxección internacional e éxito inmediato. Tres elepés e varias colaboracións máis tarde, publicou 'Changes' en 2006 e xa está a preparar un novo elepé.
Por último, Isis creou a súa propia axencia de djs, Magma, para promocionar os novos talentos emerxentes do norte de Europa. |