|  | | | | | Un momento do concerto na Área Panorámica de Tui. RL. | | | |
Fados, tangos, boleros ou música galega… Ela é a melancolía do fado e a dozura da lingua galega. De nai portuguesa e nai adoptiva galega, María do Ceo amosou que, mentres vai de camiño, leva no bico un cantar.
Máis de 500 persoas no auditorio da Área Panorámica; hora e tres cuartos de concerto; 22 cancións ou músicas -como adoita dicir ela- e a novidade dos temas do seu último traballo "No bico un cantar". Tamén novidade en canto aos músicos con dúas incorporacións ao seu equipo como son o clarinete de Pepa Rodrigues e o violín de Enrique Morente e o contrabaixo Xoán Penedo. Logo os habituais o mestre Armindo Fernandes na guitarra portuguesa, Miguel Gonçalves na guitarra española e o acordeonista Filipe Pereira.
María do Ceo intercalou durante todo o concerto temas como ‘Quixera alzar meu canto’, letra de Méndez Ferrín e música da propia fadista. Tamén coa música de María: ‘Celme encantado’ e ‘Escravitude’, un tango. Ambas músicas coa complicidade e agradecemento que a caracteriza mandoulle desde o escenario un saúdo ao seu autor, o poeta guardés Armando González López. Antes interpretou ‘Os teus ollos" de Curros Enríquez con música de José Castro "Chané".
Empezou con temas populares e música alegre (Fillo do Vento e a lúa; Uma casa portuguesa, Havemos de ir a Viana) que quentaron pouco a pouco a un público que finalmente se entregaría totalmente e ata cantou os temas propostos ata chegar ao ‘Sancristán de Coimbra’, derradeiro tema e música de fusión entre a fadista e o público.
Trala la música máis doada, entrou con ‘Lela’ e citou ao compositor tudense Miguel de Santiago autor da música desta letra de Castelao. Soaron despois ‘Lágrima’ e ‘Lisboa antiga’ de Vellas Lembranzas.
Non lle faltou tempo para contar a anécdota da ‘Lela’. Sinteticamente, foi cantar ao sur de España, a Cádiz, e tan só querían un concerto de fados. Ela abriu con ‘Lela’ e algunha persoa dicíalle que era o fado que máis lle gustara.
Logo un poema "emblemático" ‘Negra sombra’ (Rosalía/Juan Montes), "un fado do máis triste e melancólico que se podía escribir", que levantou un murmurio do público e que gustou. O diálogo entre clarinete-guitarra-acordeón coa voz de María transportáronos ao mesmo ceo. Negra Sombra, punto álxido dentro do concerto. Logo chegaría ‘Cantiga’ máis coñecida por ‘Unha noite na eira do trigo...
Despois María invocou ao espírito dos fados de quen é sucesora, Amalia Rodrigues, co ‘Fado da Señora’; despois, levounos a Cangas, con María Soliña.
Chegou o tempo de facer cantar ao público e comezou con Cheira a Lisboa. Para iso tan só fixo falta un "bocadiño" de ensaio e o público lanzouse a cantar con ela. Logo viría "Quen ten, quen ten amor ao seu xeito...". Intercalou outra vella lembranza, María la Portuguesa, e volveu a solicitar a colaboración do público cunha música de ronda, ‘He venido hasta aquí... vida mía". Ao público tudense gustáballe a complicidade e colaboraba. Para entón, a fadista galego-portuguesa xa tiña gañado ao público e a súa mercé.
Finalmente, bailou e contou Orvalhadas de Hernáni Correia musicadas por Arlindo de Carbalho para ela como adoita ser o peche tradicional dos seus concertos. E, aínda, de propina, en complicidade co público, ‘O sancristán de Coimbra’.
O tempo pasou e María gozaba máis có público. Tanto é así que improvisou unha palabras de agradecemento cantando coa mesma música e amosando a súa ledicia.
Tiña para entón rematada a xira de ‘Vai de camiño’ e a todos nos quedaba No bico un cantar. |