|
A Deputación de Pontevedra dotou con 420.000 euros dúas liñas de colaboración a través das cales respaldará a actividade agraria provincial. Deste orzamento, 150.000 euros irán dirixidos á concesión de axudas para os produtores de cultivos de baixo abrigo e ó aire libre e os restantes 270.000 euros servirán para colaborar con proxectos das cooperativas, sociedades agrarias e organizacións de produtores.
No marco das axudas para os cultivos de baixo abrigo e ó aire libre serán financiadas actuacións como a reposición dos plásticos da cuberta dos invernadoiros e dos elementos plásticos que se utilizan para o acolchado dos cultivos. Do mesmo xeito, a compra e renovación dos sistemas de rego forzado, por goteo e aspersión, sendo subvencionables os dosificadores, bombas de rego, así como mangueiras portagoteos.
Poderán solicitar estas axudas os horticultores asociados (cooperativas), así como os horticultores a título persoal que reúnan os seguintes requisitos: que realicen unha alternativa hortícola baixo cuberta complementada con cultivos ó aire libre; que dediquen unha superficie mínima de 1.000 metros cadrados baixo cuberta e 1.500 metros cadrados ó aire libre; e que non estean inclusos en ningún suposto de incompatibilidade coas axudas.
Os proxectos serán valorados tendo en conta as seguintes puntuacións: ata un máximo de 20 puntos se o produtor pertence a unha cooperativa; ata un máximo de 15 puntos se o produtor está dado de alta no Réxime Agrarío; ata un máximo de 15 puntos se o produtor inicia a actividade hortícola; ata un máximo de 10 puntos se ten menos de 50 anos; ata un máximo de 5 puntos se a explotación baixo cuberta supera os 1.500 metros cadrados; e ata un máximo de 25 puntos para a adecuación e potenciación da actividade hortícola
Axudas a cooperativas
No caso das axudas dirixidas ás cooperativas, sociedades agrarias de transformación ou organizacións de produtores serán obxecto de axuda os investimentos realizados para mellorar os servizos que presten ós seus socios (construcións, equipamentos, maquinaria, instalacións, reparación de edificios, estudos técnicos, mobiliario, novas tecnoloxías, enerxías renovables...). Poderán solicitar este tipo de axudas calquera cooperativa agraria, sociedade agraria de transformación ou organización de produtores que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a mesma.
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Valoraranse aspectos como o número de socios da entidade (ata 10 puntos); o aforro e eficiencia enerxética ou instalación (ata 10 puntos); a creación de postos de traballo (ata 10 puntos); e a adecuación dos investimentos ó interese provincial (ata 20 puntos).
En ambos casos as axudas económicas poderán alcanzar ata o 50% do investimento realizado e poderán solicitarse a partires do día seguinte ó da publicación das mesmas no Boletín Oficial da Provincia e durante 30 días naturais. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación.
|