|
O Castelo de Soutomaior acollerá hoxe ás 19.00 horas o acto de clausura do programa 'Ti Tamén Contas' no que participaron máis de 1.500 persoas integradas en 72 asociacións da provincia. Presidirá o acto o titular da Deputación, Rafael Louzán. No 2008 aumentou a participación de persoas nesta iniciativa con respecto á anualidade anterior, concretamente este ano tomaron parte do curso 10 asociacións e preto de 200 persoas máis que no 2007.
Na edición 2008 do programa impartíronse un total de 78 cursos, concretamente, 18 de desenvolvemento persoal e saúde; 25 de arte e manualidades, 19 de cultura tradicional e 5 de informática. Asemade, este ano incluíronse dúas novas temáticas que se materializaron en 6 cursos de Asuntos propios de maiores e 5 cursos sobre discapacidade. Cada asociación recibiu, como mínimo, un curso de 30 horas que se impartiron un día á semana durante dúas horas. A Deputación facilitou os monitor, persoal técnico cualificado e os medios.
A través da iniciativa 'Ti Tamén Contas', a Deputación pretende fomentar a participación e a cooperación social, que os maiores se conciencien do seu papel activo na sociedade e, ó mesmo tempo, facilitar o acceso dos maiores a cursos sobre desenvolvemento persoal e saúde, ocio e outras materias que lles afectan.
|