|  | | | | | Un total de 110 integrantes das asociacións de xubilados de Vigo, Mulleres Rurais Tempo Gañado de Salvaterra de Miño e Mulleres Rurais de Teo, de Ponteareas participaron hoxe na vixésimo segunda xornada das rutas do programa 'Coñece a túa provincia'. REMITIDA. | | | |
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, e o deputado provincial, Julio Alén, recibiron esta mañá no Pazo Provincial a 110 integrantes das asociacións de xubilados de Vigo, Mulleres Rurais Tempo Gañado de Salvaterra de Miño e Mulleres Rurais de Teo, de Ponteareas, que participaron hoxe na vixésimo segunda xornada das rutas do programa 'Coñece a túa provincia' que promove a Deputación de Pontevedra. Na súa primeira visita, en torno ás 10.30, os membros das asociacións tiveron a oportunidade de coñecer o Pazo Provincial, e, seguidamente, visitaron ó padroado de Turismo, ó Museo, ó Pazo de Lourizán e ó Castelo de Soutomaior.
Este programa ten por obxecto achegar a Deputación e a provincia á cidadanía, fomentar a convivencia e o asociacionismo entre os distintos colectivos e contribuír ó enriquecemento cultural a través da posta en marcha de visitas guiadas ós centros integrantes do patrimonio da Deputación (Museo, Pazo Provincial, Castelo de Soutomaior, Pazo de Lourizán, Mouriscade, á Finca do Areeiro, o Palacete das Mendoza, o Pazo Gandarón e o centro de vacacións de A Lanzada, entre outros).
En total, nesta primeira convocatoria do programa participarán 5.000 persoas procedentes de 131 asociacións. O custe de cada viaxe ascende a 25 euros por persoa dos cales 15 son achegados pola Deputación e 10 polos destinatarios. Este prezo inclúe o transporte das persoas en autobús dende os diferentes puntos de saída; dúas guías informativas durante todo o percorrido; a comida (cun menú que inclúe dous pratos, sobremesa, bebidas e café) e o correspondente seguro de viaxe. As visitas son de ida e volta o mesmo día.
|