|  | | | | | A vicepresidenta provincial de Benestar Social e Muller da Deputación de Pontevedra, Teresa Pedrosa, e a directora da Cidade Infantil PrÃncipe Felipe, Zoila Paz, presentaron os campamentos que organiza a institución provincial no Centro de Vacacións da Lanzada. | | | |
A vicepresidenta provincial de Benestar Social e Muller da Deputación de Pontevedra, Teresa Pedrosa, e a directora da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Zoila Paz, presentaron os campamentos que organiza a institución provincial no Centro de Vacacións da Lanzada, que o presente verán do 2008 ofertarán prazas para un total de 1.280 rapaces.
Poderán solicitar este servizo nenos e nenas procedentes de todos os municipios da provincia de Pontevedra con idades comprendidas entre os oito e trece anos. As solicitudes presentarase no Concello no que teñan o seu domicilio habitual os rapaces antes do día 12 de maio.
O prezo dos campamentos ascende a 68 euros por neno, aínda que esta cantidade pode verse reducida xa que moitos concellos subvencionan unha parte. A Deputación organizará oito quendas para os campamentos coa participación de 160 nenos en cada turno.
O primeiro turno celebrarase entre os días 1 e 7 de xullo; o segundo entre o 8 e o 14 de xullo; o terceiro entre o 16 de xullo e o 22 de xullo; o cuarto entre o 23 e o 29 de xullo; o quinto entre o 1 e o 7 de agosto; o sexto terá lugar entre os días 8 e 14 de agosto; o sétimo, entre o 16 e o 22 de agosto; e, finalmente, o octavo e último campamento celebrarase entre o 23 e o 29 de agosto.
A Deputación de Pontevedra vén organizando os campamentos da Lanzada dende hai máis de vinte anos. Sobre este aspecto, a vicepresidenta de Benestar Social e Muller, Teresa Pedrosa, explicou que se ben nun principio esta iniciativa estaba orientada unicamente ós rapaces dos municipios do interior da provincia, actualmente está aberta a todos os concellos “xa que ademais do coñecemento do mar se ofertan outras moitas actividades que son de interese para todos os nenos da provincia”.
|