|
O Proxecto ‘Aquelando’ da Deputación de Pontevedra celebrará no Castelo de Soutomaior, o vindeiro 11 de abril, o seu acto de clausura, logo de beneficiar a un total de 945 persoas ó longo dos dous últimos anos. Ó evento asistirán o presidente da institución provincial, Rafael Louzán, que será o encargado de pechar o acto, e o deputado delegado de recursos externos, promoción económica, emprego e comercio, Xosé Carlos Silva Mariño, quen se encargará da apertura.
Celebrarase unha charla sobre a experiencia das empresas colaboradoras e das persoas beneficiarias do Proxecto ‘Aquelando’ na que intervirán un alumno e un representante dunha empresa participante do mesmo.
Este proxecto, que se puxo en marcha o 1 de abril do 2006, contemplou o desenvolvemento de 5 accións esenciais: as de recepción de persoas, de formación ocupacional, de intermediación laboral, de inserción laboral e de creación de empresas.
Na acción de recepción de persoas, fíxose a análise de necesidades e acompañamento no itinerario, na que foron atendidas un total de 538 persoas, repartidas en 521 mulleres e 17 homes. En formación ocupacional, labores das que se viron beneficiadas ata 212 persoas, mediante a realización de cursos de Auxiliar de Axuda a domicilio con persoas maiores (nos concellos de Sanxenxo, Porriño e Silleda), de Axuda a domicilio con persoas discapacitadas (nos concellos de Caldas, Cambados e Cangas), de Axuda de Coidado Infantil (nos concellos de Pontevedra, Ponteareas e A Guarda) e de Animación de ocio e ocupación do tempo libre (nos concellos de A Estrada, Pontevedra e Gondomar).
En intermediación laboral levaronse a cabo visitas a empresas do sector do ocio e da infancia e mais de maiores e discapacitados, rexistrando un total de 98 empresas visitadas. En inserción laboral, chegando a beneficiar a 195 persoas, das que 91 se puideron inserir no mundo do emprego: 84 con contrato en empresas e outras 7 sen contrato, traballando en domicilios particulares. Por último, en Autoemprego, para o que se desenvolveron ó longo do proxecto dous seminarios de creación de empresas.
|