|
A Comisión Informativa de Cultura da Deputación de Pontevedra, en sesión celebrada o día 25 de marzo, acordou informar favorablemente a proposta de inclusión no Plan Cultural 2008 de 86 agrupacións –39 de Vigo, 6 de Sanxenxo, 5 de Ponteareas, 4 de Arbo, 4 de Salceda, 3 de Pontevedra, 2 de Cangas, 2 de Porriño, 2 de A Guarda, 2 de Ribadumia, 2 de Moaña e 1 de Soutomaior, Moraña, Meaño, Pontecesures, Vilagarcía, Meis, Gondomar, Agolada, Covelo, O Rosal, Baiona, Redondela, Tui, A Estrada e Cambados– que presentaron as súas solicitudes fóra de prazo, unha vez estudada e cumprimentada a documentación solicitada, de acordo coas bases aprobadas pola Xunta de Goberno en sesión de 23 de xaneiro.
Mediante este plan a institución provincial inviste unha achega de 400.000 euros na retribución das distintas agrupacións, entidades e asociacións culturais no seu afán de impulsar e fomentar a cultura popular nas múltiples e variadas expresións artísticas. Do orzamento total de 550.000 euros, Caixanova aportará os 150.000 restantes.
Acolléronse a estas axudas, entre outros, bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, de teatro e de música tradicional e clásica. A cifra de grupos acollidos incrementouse en 49 con respecto ó ano anterior.
A selección e inclusión dos grupos peticionarios levouna a cabo a Comisión Informativa de Cultura da Deputación a través de informes de técnicos e profesionais expertos en cada unha das materias, que avaliaron os expedientes a efectos de clasificación.
O Plan Cultural constitúe a liña de colaboración máis importante que a Deputación de Pontevedra ofrece cada ano co obxectivo de impulsar e fomentar a cultura popular nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, en colaboración con concellos, agrupacións e asociacións.
A cultura tradicional, como conxunto de manifestacións, coñecementos, actividades e crenzas pasadas e presentes da memoria colectiva son, daquela, o punto de referencia do Plan Cultural, que ten como obxectivo perseverar e transmitirlles ás novas xeracións o acervo popular que nos distingue e, ó mesmo tempo, unha firme vontade de proxectar a nosa identidade cara ó futuro.
|