|
Como vostedes e "vostedas" saberán iste pasado venres do mes de Xullo celebrouse en Salceda de Caselas a festa do Cuba-Litro, promocionada a bombo e platillo.
(Paréntesis para unha pequeña maledicencia: cando escribín Cuba-Litro, realmente saliume Cuba-Libro nun erro. Cousiñas.)
Serei conciso e claro: a mín a festa, como calquera outro tipo de evento, dame igual. Cada un que se divirta coma lle vaia ben. Nada me parece mal ata que non me molesten persoalmente ou ata que non reventen o mobiliario urbán ou ata que se metan con unha velliña indefensa. O dito: ti divírtete coma consideres pero a mín que non me salpique.
Pois non. Ás tantas da madrugada ou da mañán (segúndo a que hora te teñas deitado o non deitado) "os nenos" decidiron poñerse a facer un amistoso botellón no aparcamento de "Ximará, Residencia para Maiores", que se atopa a escasos 200 metros do lugar onde se celebra a "festa".
Ao longo do ano realízanse outras convocatorias no mesmo lugar (festa patroal, congregacións varias, música, rapacería....) e nunca houbo ningún problema. Incluso nos solicitan que lles prestemos unha finca que tenemos perto (para mín perto é "cerca" e preto é "negro", sinto) de alí para facer uso dela e, repito, todo perfecto: eles divírtense e nos tan felices.
Pero cada vez que chega a do Cuba-Litro xurden problemas. E sempre o mesmo: o botellón diante da nosa porta. Mellor, no propio aparcamento (poido reventar se non conto que hai un Concello veciño que ten un "Parking" escrito nun letreiro moi grande, co resto das letras en Galego e firmado pola Concellería de Cultura. ¡Toma xa!)
Díceselles que alí non se pode estar porque atascan o acceso dunha posible ambulancia nun momento de emerxencia e nin caso. Bo, sí: Insultan, estoupan petardos cara ao interior, tocan o timbre, rompen as botellas e deixan os vidros tirados. Caso sí que fan "os nenos."
Decidimos chamar á Policía Municipal de Salceda pero non están. Non, non se atopan. Resulta que se programa unha festa co visto bo do Concello (suponse que contará coa preceptiva Autorización Municipal para a súa realización, doutra forma penso que non podería ser) pero o propio Concello non ten en conta o posible devenir da situación ante unha festa na que todo o mundo está reclamado para BEBER E BEBER. Ningún policía local permanece de garda nesta noite do mes de Xulo, coas festas patronáis celebrándose e con centos de persoas na rúa dispostas a celebrar todo tipo de festexos.
O altercado prodúcese e NON HAI NINGUÉN.
Chamamos á Garda Civil e outro tanto do mesmo. Logo chegaron, máis era xa moi tarde, moi tarde.
O servizo de proximidade que supón a Policía Municipal non apareceu por ningures.
¿Non hai diñeiro para contratar un turno nocturno de Policía para eses días que se presumen problemáticos?
Non o quero crer. Máis ben tratarase dunha falla total de planificación ao non ter en conta os problemas que xenera unha festa adicada ao alcohol, cousa que, como xa dixen, non pasa coas outras celebracións que se levan a cabo nese lugar.
Seguro que esta carta miña sería suscrita por moitos outros veciños que se viron aqueixados por algúns problemas pero non tiveron tempo de contalo nalgún medio de comunicación. De seguro que non son o único que sufriu os embates de catro niñatos que non foron ben educados polos seus pais (...e nais), cheiños de alcohol e nada respetuosos. Seguro que non.
Por desventura este escrito repítese demasiado nos diarios. Pero non esquezamos que os fillos (e agora tamén as fillas, grazas á igualdade) que protagonizan estes tristes momentos son os nosos, e forman xa o futuro da nosa sociedade. Pero este sería outro tema e eu o único que quería contarvos é que o Concello permite esta "festa" pero logo non toma as medidas axeitadas para que se desenrole con respeto cara a todoslos veciños...e veciñas (disculpas, xa me esquecía)
www.ximara.es |