|
A Deputación concederá 24.000 euros á delegación provincial da Asociación Española Contra o Cancro para o mantemento do programa da Unidade Móbil de Coidados Paliativos para a atención de enfermos terminais de cancro en toda a provincia.
Esta unidade ten como función intervir na grave situación que presentan os enfermos oncolóxicos en fase terminal para os que resulta imposible ou inconveniente o seu internamento en hospitais. Está dotada dun médico, dun enfermeiro, psicólogos, dun traballador social e voluntarios.
O dispositivo atende a unha poboación de 167.110 habitantes repartidos en sectores urbáns, periurbáns e rurais. No ano 2007 estiveron incluídos no programa 111 pacientes. Así mesmo, a unidade realizou neste período 883 visitas a domicilio, unha media de 4,79 visitas diarias, e un percorrido de 22.273 quilómetros.
Do mesmo xeito, no 2007 a Asociación Contra o Cancro atendeu 674 chamadas telefónicas e realizou diversas charlas na provincia sobre a prevención do cancro de mama, prevención do tratamento do cancro e sobre o manexo da dor do paciente terminal.
Doenzas máis frecuentes
Con respecto á enfermidade, as doenzas máis frecuentes son as de pulmón con 29 casos atendidos, de dixestivo con 25 casos, cáncer de páncreas e fígado que padeceron 15 pacientes, xenital con 11 doentes, urinario con 9 pacientes, cancro de mama que padeceron 7 persoas e, entre outras doenzas, cancro de pel que padeceron 5 enfermos.
En definitiva, a Deputación colaborará un ano máis a través do Servizo de Acción Social con 24.000 euros no mantemento do funcionamento desta unidade móbil que a pesares de que está adscrita ó Servizo de Oncoloxía do Hospital Meixoeiro, está sendo usada por enfermos terminais de cancro de toda a provincia.
|