Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Reportajes

Un Camiño entre catedrais

por Vm - 06/07/2008
Las torres de la catedral de Santiago se divisan desde varios varios kilómetros. AGN.

O Camiño Portugués en Galicia está marcado por destacadas evidencias monumentais que van máis alá do estrictamente arquitectónico ou museográfico, para converterse nun espazo privilexiado, cun dos maiores potenciais histórico-artísticos da comunidade autónoma. Pontes, capelas, santuarios, cruceiros, pazos, museos e cidades históricas van deixando na retina dos viaxeiros rexistros únicos ao longo da ruta, que nace na cidade pontevedresa de Tui e remata 115 kilómetros despois, diante do sepulcro do Apóstolo.

Os peregrinos procedentes de Portugal tiveron que cruzar durante moitos séculos o río Miño en barca para chegar a Tui. Houbo que esperar a 1884, coa construcción da Ponte Internacional, para que os viaxeiros poideran entrar a pé neste primero enclave galego.

Desde a ponte, comeza a desenvoverse o trazado, cara ao porto tudente de Lavacuncas, que era onde se producía antano o desenbarco dos peregrinos, e que está situado xusto ás costas do Parador de Turismo.

Desde o vello porto discurre a ruta en dirección a antigua Tude, que fora núcleo urbán da Galicia romana e que pola súa situación xeográfica estratéxica reforzaría logo a súa importancia co avance da cristianización, converténdose en sede episcopal.

O municipio presenta dous puntos de principal importancia, un é o monte Aloia, o primeiro lugar de Galicia declarado Parque Natural. O outro é a cidade monumental, declarada conxunto histórico-artístico en 1967 e que ten o seu centro neurálxico na súa catedral-fortaleza.

A catedral de Santa María de Tui é obra románica e gótica, con capelas e naves engalanadas con retablos, imaxes e pinturas dos séculos XVI e XVII. Comezou a edificarse entre 1145 e 1175, seguindo pauta do modelo catedralicio compostelán, aínda que varias transformacións e cambios de proxecto transformaron un románico tan só visible nos brazos do cruceiro, divididos en tres naves, e na portada do norte. Quedou ao final o gótico, que reflexa na súa fachada o inicio deste tipo de escultura en España. A basílica ten o único claustro medieval completo que se conserva nunha catedral galega.

Na plaza do Consistorio, adxacente á catedral, está o Museo Diocesano de Tui-Vigo.

O Camiño pasa pola rúa das Monxas, á sombra dos muros do convento das clarisas, onde aínda se poden mercar a través do torno peixes de améndoa preparados polas relixiosas.

A vila ten un albergue con 36 prazas, dúas delas para discapacitados, e está situado na rúa da Misericordia. Pero, seguindo a ruta, hai tamén a posibilidade de acudir a diversas casas de turismo rural, como a da Abadía do Pelouro (Caldelas de Tui), a Casa Reitoral de Areas (Santa Mariña das Areas-Tui)ou o Corzón (Pontellas-O Porriño).

Antes de deixar a vila, pode visitarse a iglexa románica de San Bartolomé de Rebordáns, de finais do século XI.

Cara ao Porriño e Redondela

O viaxe transcorre nun tramo pola estrada N-550 ata a capela da Virxe do Camiño. A capela da Virxe da Guía indica a proximidade do Porriño, desde onde se inicia unha nova etapa, cun bo punto de partida no Palacio Municipal, que construíu o gran arquitecto galego Antonio Palacios. A vía atravésase pola plaza de San Sebastián en tamén pola do Concello, para chegar as inmediacións da Capela das Angustias. Comeza logo o ascenso á capela de Santiaguiño de Antas e, pasado o miliario romano de Vilar de Enfesta ou de Sanxamonde, atravésase a meseta e Chan das Pipas. Seguindo a vía romana, o trazado volve a N-550, internándose en Redondela, xunto ao convento de Vilavella.

Nesta última vila pódese visitar a Igrexa de Santiago, que remonta a súa orixe aos tempos de Gelmírez, aínda que foi reedificada. O albergue, denominado Casa da Torre, está situado nun edificio histórico do século XVI, e está considerado como un dos principais do Camiño Portugués. Conta con 54 prazas, dúas para discapacitados. Como alternativa en turismo rural está a Casa Figueroa (Vilar de Infesta).

Á saída de Redondela encóntrase a capela das Angustias e logo de pasar a ponte do ferrocaril comeza un tramo de bosque, camiño xa de Arcade, coa illa de San Simón a esquerda e a posibilidade de facer unha parada para degustar as afamadas ostras e os mellores mariscos das rías. o Camiño cruza aquí o río Verdugo pola histórica Ponte de Sampaio, onde tivo lugar na Guerra da Independencia unha das maiores derrotas do exército napoleónico.

Pasada a vila de Sampaio, collendo un desvío duns 300 metros, pódese apreciar a iglesa de Santa María, do século XIII e un bo exemplo do románico rural.

Pontevedra

Andando camiño chégase a Pontevedra, que ten no santuario da Virxe da Peregrina, do século XVIII, un dos puntos de referencia para a devoción dos peregrinos. A igrexa foi concebida en 1778 polo arquitecto Arturo Souto. Trátase dun templo da ilustración, con planta en forma de vieira, con lembranzas decorativas da tradición barroca e un retablo da virxe obra do arquitecto Melchor de Prado, proxecto neste caso que data de 1789.

Moi preto, na rúa Michelena, están as ruínas do convento de Santo Domingo (séculos XIV-XV), que foi o maior dos tempos dominicos galegos. E ao lado encóntrase a praza da Ferrería e a igrexa conventual de San Francisco, do século XIV.

Unha visita obrigada na cidade do Lérez é o Museo de Pontevedra, no que entre os seus fondos destaca a colección de ourivería prerromana, as súas salas de pintura e gravados e a sala de acibeches composteláns.

Na zona noroccidental do casco histórico está a basílica de Santa María a Grande, do século XVI e fermosa arquitectura, na que se conxugan o último gótico e as tendencias renacentistas.

Ten esta ciudade unha das mellores zonas vellas de Galicia, cunha acertada rehabilitación e abundancia de establecementos hostaleiros.

Preto da estación de ferrocaril, o peregrino ten o Albergue de Pontevedra, que dispón de 56 prazas.

Camiño de Caldas e Padrón

De novo na ruta, camiño de Caldas de Reis, o viaxeiro pode encontrar a pequena igrexa de San Martiño de Agudelo, en Barro, de principios do século XIII, na que se nota a influencia do taller do Mestre Mateo.

Xa na Aquae Celenis do Itinerario de Antonino, bañada polos ríos Umia e Bermaña, destaca a Igrexa de Santa María de Caldas, do século XIII, mentres que no casco antiguo atópase a igrexa de San Tomé Becket, único templo galego dedicado ao arcebispo de Carterbury e chanceler de Inglaterra, que pregrinou a Santiago cara ao 1167.

A ponte sobre o Umia achega ao pregrino á fonte de aguas termais -un excelente recurso turístico na actualidade- que lle dan nome a vía dende a época romana.

En Padrón, a célebre vila onde recalou a nave que conduciu o corpo de Santiago o Maior desde Jaffa (Palestina), un dos edificios máis notables é o Convento do Carme, construído entre 1717 e 1757, baixo a dirección do carmelita descalzo frei Pedro de la Madre de Dios. Aos seus pés está a fonte do Carme, que ten labrada na fronte a escena da traslación do corpo do Apóstolo.

No casco histórico de Padrón, un dos edificios civís máis notables é o pazo do Bispo de Quito, obra de 1666 encargada ao arquiecto Melchor de Velasco. Para descansar da xornada, o albergue da vila ofrece 44 prazas, mentres que, entre o Camiño e Cuntis, outra alternativa é o establecemento de turismo rural Casa Sueiro, unha edificación con máis de dous séculos de antigüidade.

En Iria Flavia, a Colexiata de Santa María de Iria, de orixe altomedieval, evidencia a devoción mariana no Camiño Portugués. Fronte a súa fachada sitúanse as casas dos coengos, actualmente ocupadas pola sede da Fundación Camilo José Cela, ilustre escritor padronés e Premio Nobel de Literatura.

Preto xa de Santiago

O peregrino encamiñase agora cara á Escravitude, onde atopará o santuario mariano do mesmo nome, levantado entre 1732 e 1743 sobre a fonte ante a que, en 1732, tivo lugar o milagre que motivou a a súa construcción.

As sorpresas continúan no lugar de Rúa de Francos, onde se sitúan as misteriosas e abandonas ruínas do Castro Lupario. Xusto a saída está un dos cruceiros góticos máis antigos de Galicia.

Xa no Milladoiro, no concello de Ames, intúense as torres da catedral.

Seguindo a ruta, no casco urbano santiagués, rúa Rosalía de Castro arriba, está a igrexa do Pilar, templo barroco situado na Alameda, e chégase á Porta Faxeira, a tradicional entrada do Camiño Portugués.

Hai que cruzar a transitada rúa do Franco, na que non debe haber portal que non teña algo que ofrecerlle ao visitante. Sen tempo case para pensar na cinco veces centenaria Universidade de Santiago -que flanquea a praza, xunto con pazo de Raxoi, o hostal dos Reis Católicos e a propia fachada da basílica, todo pedra e arte-, ábrese o Obradoiro.

Cando o peregrino traspasa o Pórtico da Gloria e visita a tumba do Apóstolo, agardao unha cidade máxica que ao máis puro estilo borgiano lle revelará definitivamente quen é.

    
Sobre este artículo
5 / 5 (1 Votos)
Encuesta
Hay un total de 123 votos
¿Cre que o despedimento de 900 traballadores de Citroën Vigo a final do ano, afectará negativamente á economía da nosa provincia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Piscina Municipal de Ponteareas
Powered by: PHPCow.com