Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Reportajes

Pablo Leal, artesán con vocación de alquimista

por Vm - 28/06/2008
Pablo Leal, artesán especializado en escultura e bisutería. OTTO/AGN

A humanidade aprendeu a traballar o metal e iso marcou o cambio dunha Era na Evolución: saír da Idade de Pedra. Os metais supuxeron utensilios máis eficaces, armas máis resistentes, e obxectos preciosos máis belos. A arte evolucionou parella á técnica, e os metais pulidos convertéronse pronto en obxecto de arte e culto.

Milleiros de anos despois, o tempo revolucionou as técnicas da metalistaría e pouco queda daquel traballo prehistórico, salvo quizais o espírito. É o caso de Pablo Leal, artesán teense para quen a manufactura do metal é "unha auténtica alquimia: a conxunción do cerebro e a man que converte un anaco de materia en calquera obxecto. Ten un punto máxico".

Leal herdou a forxa como se herdan tantas vocacións. Lembra que o seu pai era artesán e tiña un taller de carpintería metálica no Agoso, no concello coruñés de Teo. "Traballaba sobre todo o ferro, e eu de neno e de mozo traballei moito con el no taller".

Con todo, pouco queda no obradoiro de hoxe daquela antiga forxa de ferro. "Fixen algún tempo pezas nese estilo, sobre todo lámpadas. Pero cada vez menos". Hoxe, o bronce, o cobre, o latón e a prata son a 'materia' principal á que dá forma Pablo Leal. As técnicas van dende o dende o gravado ao cincelado ou ao repuxado, pasando pola fundición. E das súas mans xorden dende alfinetes a pequenas estatuas.

O cambio marcouno quizais a súa estadía en Inglaterra, a onde emigrou en tempos da ditadura. "Aquí, nesta leira chamada España, o propiatario era un señor baixiño, chamado Franco", explica, "e marchei buscando un cambio de aires e de paso aprender inglés". Como a meirande parte dos galegos da diáspora, Leal pasou por varios traballos, "pero seguinlle dando voltas ao tema da artesanía", lembra. O fundamental era "buscar un método para ganar a vida" e o vello oficio da metalistaría ofreceulle unha saída.

Cuns amigos montou un taller en Londres, adicado a facer bixutería empregando a técnica do gravado, "un sistema que coñecía un destes amigos meus", sinxelo para realizar con poucos recursos: "pintabas un motivo sobre o metal e queimábalo con ácido". E o caso foi que a idea tivo éxito: "vendíanse moi ben, debía ser pola novidade", explica.

Despois do seu regreso a España, Leal nunca abandonou de todo a idea do traballo artesán, "facía cousas de cando en cando, aínda que tivese outros traballos". Con todo, a mediados dos 70, decidiu pórse á fronte do negocio "arranquei co taller definitivamente e ata agora", bromea.

A arte que vén dos antergos

E en canto aos deseños, tamén a "inspiración" foi dalgún xeito herdada, neste caso da etnografía galega. Motivos celtas e rupestres impregnan as pezas saídas do obradoiro de Pablo Leal. "O rollo celta interesoume sempre", explica, "en Londres xa fixen algún experimento". Daquela, o artesán traballaba sobre todo con deseños propios, pero pouco a pouco foi introducindo motivos de inspiración celta, "e vendíanse moito mellor que os meus debuxos orixinais", asegura.

Dende aquelas primeiras incursións, o repertorio foi en aumento "non fago só cousas celtas, fago petroglifos, cruces galegas, cruces templarias, torques...". Pero case todas teñen un denominador común "estar relacionadas co patrimonio galego: temos unha serie de motivos cunha enorme potencia estética".

Leal sinala que agora mesmo ten os deseños rupestres entre os seus favoritos. Elude sobre todo aos campos de petroglifos, que se fixeon un oco no seu catálogo, nunha caste de homenaxe á herdanza dos antergos "comida polo tempo e pola selva". "Na maioría dos casos os xacementos de petroglifos están completamente descoidados", lamenta Leal, "pódenlle organizar por enriba unha carreira de motocross e quedan tan tranquilos".

Do obradoiro ao mundo

E unha vez que tes a técnica aprendida e unha idea para o deseño, "fabricar está 'chupao'", non dubida en asegurar Leal. O problema está en que vender "xa non é tan sinxelo". A crise económica, que tanto se fai notar nos petos, deixa tamén a súa pegada no traballo artesá, para o que, en palabras de Leal "corren tempos duros porque o produto artesán non é de primeira necesidade, é algo prescindible".

A isto hai que sumar que se trata dun traballo no que "hai unha competencia feroz". Por iso, é o propio artesán o que busca as canles de distribución para os seus produtos, contactando directamente cos puntos de venda ou a través de feiras sectoriais. "O que non quita que nas feiras haxa tamén unha competencia brutal", matiza este empresario teense, "calquera obxecto que imaxines podes atopalo alí".

Resalta ademais imprescindible buscar distribuidores fóra de Galicia, "porque este é un recanto pequeniño, un mercado moi limitado". Con todo, os produtos de Leal teñen neste 'recanto' o seu consumidor principal, "porque ao facer cousas relacionadas coa cultura de aquí, véndense ben".

''O artesán está todo o día co taller na cabeza''

Pese aos problemas de comercialización, Leal declárase a gusto co que fai dende a profunda convicción do traballo vocacional. "É que eu ademais só vallo para ser autónomo. Non sirvo para que un xefe me diga o que teño que facer".

Como maior inconveniente atópase con que un negocio sen empregados nin aprendices "esixe dedicación a tempo completo, é como vivir nunha casa cuartel". O artesán "está todo o día co taller na cabeza, non podes traballar oito horas e despois desconectar".

O problema da 'sucesión' non lle preocupa. "Teño unha filla que traballou algo comigo no taller pero non ten pensado seguir con el". O normal, explica, "é que cando eu o deixe desapareza, como desaparecen moitos outros". Pero mentres Leal siga, afirma, non o cambia por nada: "a min encántame traballar coas mans: as oficinas son terribles. Falla un pouco o tema económico, pero non se pode ter todo, non vas ter un traballo que che guste e encima chegar a rico", ri.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 126 votos
¿Cre que o despedimento de 900 traballadores de Citroën Vigo a final do ano, afectará negativamente á economía da nosa provincia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Piscina Municipal de Ponteareas
Powered by: PHPCow.com