|
O PPdeG, a través do seu deputado no Parlamento César Pérez Ares, presentou no último Debate do Estado da Autonomía propostas de resolución encamiñadas a execución urxente de obras na comarca de Baixo Miño e Louriña que os grupos do PSOE e BNG rexeitaron na súa totalidade. O deputado popular pedía, entre outras, o inicio inmediato do vial de alta capacidade Tui-A Guarda nos treitos I e III así como a retirada do estudio informativo do treito II Goián- PO 550.
Este estudio informativo está a recibir multitude de alegacións e resulta prexudicial para a zona xa que, segundo o deputado popular, vai provocar unha ruptura territorial e social de diversos barrios e parroquias. Para Pérez Ares é absolutamente necesaria unha via que comunique Tui con A Guarda, tal e como tiña programado para o ano 2005 o anterior goberno do PP na Xunta dada a intensidade media diaria de vehículos. "Nestes momentos se están a provocar retencións sobre todo nas fins de semana en numerosos puntos ao longo da estrada pois "o novo trazado é máis prexudicial para os veciños e veciñas, afecta a numerosas propiedades, é de peor deseño e máis longo e menos operativo que o tramitado no 2005".
Para Pérez Ares esta é unha "lexislatura perdida" para a comarca e este rexeitamento no Parlamento amosa que non hai previsión na Xunta de iniciar esta obra tan demandada pola poboación xa que se trata dun eixe vertebrador para a comarca do Baixo Miño. O deputado popular tamén destacou a negativa dos grupos políticos que apoian o bipartito da Xunta de Galicia a aprobar iniciativas referidas a un plan de saneamento integral para os concellos de Baixo Miño e Louriña e a posta en funcionamento da Edar Tui-Guillarei cun estudio económico axeitado a realidade dos concellos.
Outras das propostas presentadas polo PPdeG, e rexeitadas no Parlamento, foron a solicitude da adxudicación inmediata das obras do centro de saúde de Tui e Oia, a construción dun polígono industrial en Crecente e unha estación de tratamento de augas en Ponteareas.
|