Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Medio ambiente

A Xunta da luz verde ao anteproxecto de lei da protección da paisaxe de Galicia

por Ramón Santorio - 31/03/2008
Unha típica paisaxe galega.
O Consello da Xunta deu a pasada semana luz verde ao anteproxecto da Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. A nova normativa ten como obxectivo recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas para a súa conservación, protección, xestión e ordenación, servindo como marco de referencia para todas as lexislacións, plans e programas que poden influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, e en especial cando afecten a espazos de alto valor natural e cultural.

 

 

Antes da súa aprobación no Consello, o anteproxecto foi presentado e sometido á consideración de diferentes órganos de participación pública, entre eles o Consello Galego de Medio Ambiente, a Federación Galega de Municipios e Provincias a Comisión Galega de Cooperación Local. Destes procesos xurdiron aportacións que foron incorporadas ao texto aprobado hoxe polo goberno galego.

 

Así mesmo, o texto foi sometido ao ditame do Consello Económico e Social, que avaliou “positivamente os fins e obxectivos que persegue a norma, pois o proceso de degradación da paisaxe aconsella un marco lexislativo que serva de base para unha acción administrativa eficaz de protección e salvagarda dos valores paisaxísticos”. 

 

A nova norma ten os seus principios inspiradores no Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia no ano 2000 a proposta do Consello de Europa, no que se entende a paisaxe como un “elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos”; polo que se fai necesaria a integración da paisaxe nas políticas sectoriais, a participación pública na definición destas políticas, a sensibilización sobre o valor da paisaxe, e a promoción dos estudos e a educación nesta materia.

 

Tendo en conta estes principios, a Consellería de Medio Ambiente elaborou o anteproxecto da Lei da Paisaxe, unha normativa de carácter novedoso, xa que soamente as comunidades de Cataluña e Valencia contan con lexislación sobre a paisaxe. O texto estructúrase  en 14 artigos nos que se concreta o obxecto da lei, a actuación dos poderes públicos, os instrumentos de organización das políticas de paisaxe e os instrumentos para a súa protección, xestión e ordenación. Entre estes instrumentos están os Catálogos da Paisaxe de Galicia, as Directrices de Paisaxe, os estudos de Impacto e Integración Paisaxística e os Plans de Acción da Paisaxe nas áreas protexidas.

 

Catálogos e Directrices da Paisaxe


Os Catálogos da Paisaxe de Galicia serán os documentos de referencia que deberán delimitar, en base a diferentes estudos, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia. Os catálogos incluirán un inventario dos valores paisaxísticos de cada área e unha diagnose da mesma, identificando as zonas que precisan de medidas especiais de protección e intervención e as zonas de especial interese paisaxístico.

 

A nova lei tamén recolle a existencia das  Directrices da Paisaxe, que precisarán cal é a calidade axeitada para cada paisaxe e as accións específicas para acadala, así como unha descrición dos indicadores de calidade para o control e seguimento das paisaxes e unha serie de normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias encamiñadas a acadar o desenvolvemento sostible do territorio.  Estas directrices terán carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística e integraranse na Avaliación Ambiental Estratéxica de plans e programas.

 

Estudos de Impacto e Plans de Acción


Co obxectivo de preservar as áreas de interese paisaxístico, o anteproxecto da lei establece que todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de Declaración de Impacto Ambiental deberán incorporar no seu Estudo de Impacto Ambiental un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística, no que se avaliarán os efectos que o proxecto pode provocar na paisaxe.

 

Outro dos instrumentos para a protección e xestión da paisaxe serán os Plans de Acción en áreas protexidas, que estarán centrados nas paisaxes incluídas en espazos naturais de especial protección. Estes plans axustaranse ás Directrices da Paisaxe e incluirán unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación ou rexeneración das paisaxes. A Consellería de Medio Ambiente tamén promoverá que as áreas de Especial Interese Paisaxístico se incorporen á Rede de Espazos Protexidos de Galicia

 

Observatorio Galego


O Observatorio Galego da Paisaxe será a entidade de apoio e asesoramento á Xunta nesta materia e o órgano responsable da colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade. Entre as súas funcións atópase a de delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as que se desenvolverán os Catálogos da Paisaxe e a elaboración dos mesmos; así como a formación, concienciación e sensibilización da cidadanía na necesidade de protexer e xestionar axeitadamente a paisaxe.

 

O Observatorio tamén será o encargado de avaliar o estado de conservación das paisaxes galegas e analizar as súas transformacións e previsible evolución; realizar estudos e propostas en materia de paisaxe; servir como órgano asesor ás entidades locais a fin de implementar as políticas de paisaxe na planificación urbanística e territorial; facer o seguimento das iniciativas de ámbito estatal, europeo e internacional nesta materia; participar nas redes de observatorios de paisaxe e fomentar o intercambio de información e experiencias así como a asistencia científica e técnica mutua en materia de paisaxes transfronteirizas.
    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 86 votos
¿Cree que la ley debería ser más rigurosa contra infractores reincidentes como 'Makelele', implicado en las muertes de Jenaro de la Fuente?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com