Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Mar

Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Galicia: "Aspiramos a ser un centro de referencia no noroeste peninsular dentro do ámbito mariño"

por C.Permuy - 24/04/2008
Pablo Carrera, director do Museo do Mar.
O Museo do Mar de Galicia, situado na parroquia viguesa de Alcabre, reabriu as súas portas o pasado mes de decembro cunha mostra integrada por 400 pezas con maquetas, aparatos relacionados co medio mariño, fotografías, documentos sonoros ou vídeos. Nesta nova etapa, o director do Museo, Pablo Carrera (Vigo, 1963) subliña o desexo de converter as instalacións museísticas viguesas nun "centro de referencia no noroeste peninsular dentro do ámbito mariño".

Pregunta.- ¿Como afronta o Museo do Mar esta nova etapa?

Resposta.- Cheo de proxectos. Temos que desenvolver as liñas prioritarias de actuación que son a recollida de patrimonio marítimo galego vinculado ás partes que nós consideramos fundamentais: aquelas máis ligadas á arqueoloxía industrial, especialmente o patrimonio do século XX que estimamos que é o que está cun nivel de ameaza superior, xa que son pezas que cando deixan de ser utilizadas pasan directamente ao desguace.

P.- ¿Cales son os grandes atractivos do Museo?

R.- O entorno privilexiado, ante todo, e a exposición permanente do Museo, que é moi atractiva e visual porque contempla pezas grandes con outras máis pequeniñas.

P.- ¿Que expectativas teñen respecto a número de visitantes?

R.- As expectativas son bastante boas. Hai un público contento coa actuación que é o que ten a memoria do mar, xente que directa o indirectamente está ligada co mar. É un discurso moi próximo, entendible e ben tratado, polo que ese público está encantado. Os de fora apostan máis polo Acuario, que é o que máis lles chama atención.

P.- ¿Que retos de futuro ten o Museo do Mar?

R.- Nós queremos ser o centro coordinador en actuacións de patrimonio marítimo galego. Hai que ter en conta que somos un país que ten unha diversidade patrimonial importante con respecto a outros, máis que nada porque temos unhas influencias clarísimas do Mediterráneo e tamén do Atlántico que nos fai estar nunha situación privilexiada. Temos unha riqueza patrimonial importantísima con respecto a outros países.

P.- ¿Cre vostede que aínda queda moito por descubrir nos nosos mares?

R.- Temos un patrimonio vastísimo, tanto propio como polos contactos. Galicia sempre foi un sitio de chegada e de saída. Estratexicamente estamos moi ben situados entre o Mediterráneo e o Atlántico, con portos naturais difíciles de atopar de aquí hacia o sur. Isto sempre favoreceu os intercambios marítimos. O noso patrimonio está por descubrir.

P.- Como experto en patrimonio ¿Canto hai de mito e canto de realidade no tema dos Galeóns de Rande, afundidos na ría de Vigo?

R.- Os galeóns están aí. A nivel naval houbo unha batalla importantísima polos tamaños das flotas contendentes. Hai unha historia real, dun tesouro que se desembarcou aí e proveeu de moitos cartos á Coroa Española. A partir de aí o que temos é un escenario dunha batalla que aconteceu hai 300 anos, os restos están enterrados a diversas profundidades con entre 12 e 13 metros de lodos, acceder a eles é difícil, sobre todo si se quere acceder con garantías de resultados arqueolóxicos. As expedicións arqueolóxicas marítimas son caras.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 86 votos
¿Cree que la ley debería ser más rigurosa contra infractores reincidentes como 'Makelele', implicado en las muertes de Jenaro de la Fuente?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com