Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Mar
Carmen Gallego, conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

"Sería unha irresponsabilidade manifesta perder a oportunidade de crear riqueza que é o Plan Acuícola"

por E. Rodríguez - 07/09/2008
Carmen Gallego cre que "a fórmula organizativa dos produtores de mexillón teñen que debatila eles". JESSICA BARCALA/AGN

Protagonista ou excusa da principal polémica da semana, o Plan Acuícola de Xunta ten para a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, dúas virtudes principais: a súa "impecable tramitación" e o "rigurosísimo cumplimento das normas". Á fronte do departamento de referencia para un sector en crise e "guerrilleiro" como é o pesqueiro, fai balance de lexislatura e quédase sobre todo co "factor humano".

PREGUNTA.- Con fortes críticas políticas, ecoloxistas e sociais, ¿era este realmente o momento axeitado para aprobar o Plan de Acuicultura?

RESPOSTA.- O plan é un instrumento de ordenación do territorio que se activou seguindo un acordo do Consello da Xunta de 2006 e que, como todos, ten un procedemento administrativo de consulta con varios organismos, de exposición pública e de información desde as consellerías implicadas. Polo tanto, o momento de aprobalo é aquel no que se termina a tramitación. Cando tes un instrumento tan potente, que lle podes ofrecer a toda Galicia como dinamizador da economía e que vai permitir crear riqueza, sería irresponsable por parte do Goberno adiar a súa aprobación. É un plan que ten unha vixencia de 15 anos e, co desenvolvemento dos proxectos ao amparo do plan, estamos a falar de crear como mínimo 1.988 postos de traballo, e de investimentos de 180 millóns de euros. Perder esa oportunidade sería unha irresponsabilidade manifesta.

P.- Adega e varias plataformas veciñais anunciaron accións de protesta ante a UE e os tribunais. ¿Teñen medo de que paralice algún dos proxectos recollidos no plan?

R.- Cando as organizacións ecoloxistas falan de que se están invadindo espazos protexidos, están faltando á verdade. É certo que xa existían industrias que ocupaban Rede Natura porque outro Goberno o permitiu, non nós. Nalgúns deses casos, hai que permitirlle que amplíen, porque senón habería que pechalas. O argumento medioambiental é claramente falso. Todos saben que este plan conta con todos os informes, en contraposición co plan anterior que, por exemplo, non contaba coa avaliación estratéxica ambiental ou co informe do Ministerio de Medio Ambiente. Quizáis agochen detrás un posicionamento político ou quizáis sexa que non lles gusta a acuicultura. É lexítimo que non che guste a acuicultura como que non che guste que haxa tecido industrial, pero un Goberno non se pode mover neses parámetros. Somos rigurosísimos e moi estrictos no cumplimento da norma, e cada proxecto vai a ser revisado de novo por todas as consellerías implicadas. É un plan completamente garantista para os cidadáns.

P.- Desde o BNG expresaron as súas reticencias pola aprobación do plan...

R.- Cando eu digo que este plan conta con todos os informes de todas as consellerías, entre as que están as de Innovación, Medio Rural e Cultura, estouno dicindo todo. Se hai informes de todas as consellerías e estes informes son favorables, parece de sentido común pensar que o Goberno de Galicia no seu conxunto apoiou este Plan Acuícola. Non se entendería o contrario, que se fagan informes favorables e que logo se diga que non se apoia o plan. Sería inexplicable.

P.- ¿Ten cabida este plan nas recomendacións da Unión Europea de apoiar economicamente, a través do Fondo Europeo da Pesca, proxectos acuícolas que den pulo ás enerxías renovables?

R.- Estamos totalmente dacordo coa estratexia europea e, de feito, somos a primeira rexión de Europa que, basándonos nos parámetros da estratexia da UE, desenvolvemos un plan; que pon condicionantes como que se utilicen cando menos un 10% de enerxías renovalbes para desenvolvemento das plantas, así como que en cada proxecto haxa un plan de seguimento da calidade das augas.

P.- Outro dos sectores que anda revolto é o dos mexilloeiros. ¿Podería calmar a situación a aprobación –o pasado xoves- do agardado regulamento da denominación de orixe protexida (DOP)?

R.- A DOP é unha ferramenta que dá unhas posibilidades ao sector productor que non sei se teñen medido pero que son ilimitadas. É a primeira protección deste tipo para un produto do mar en Europa e custounos moito conseguila, xa que tivemos que rescatar un dossier que levaba moito tempo perdido en Bruxelas por culpa da desidia do Goberno anterior. Se o sector é capaz de entender que con esta ferramenta ten ao seu alcance a mellor identificación posible ante o consumidor e, polo tanto, a mellor ferramenta para loitar contra a competencia desleal, conseguirán darlle valor engadido e que sexa máis recoñecido.

P.- Pero seguen as reticencias entre parte do sector a unha mestura das funcións de productores e comercializadores. ¿Comparte estas reticencias a consellería?

R.- A Consellería de Pesca o que quere é conseguir sentalos (aos produtores) a dialogar e que se escoiten; que sexan capaces de entender que teñen que ofrecer un produto de calidade e estable ao longo do ano. Pero as fórmulas organizativas que empreguen para chegar a este obxectivo, teñen decidilas entre eles. Organizar a producción de maneira que poidan conseguir ese obxectivo é loable, e poden conseguilo se se esforzan.

P.- As iniciativas para especializar e diversificar o sector conserveiro, co obxectivo de que poidan competir co mercado asiático, non acaban de sair adiante. ¿Hai algunha medida en perspectiva?

R.- As cousas van razonablemente ben, estamos facendo balance do primeiro ano de aplicación do Plan Estratéxico para ver se o financiamente público se destinou aos plan axeitados. En breve teremos a avaliación e poderemos comprobar se van ben definidas as liñas que temos en marcha ou se hai que reorientar obxectivos.

P.- A Lei de Pesca inicia agora a súa tramitación parlamentaria. ¿Cren que toparán moita resistencia?

R.- Nós presentamos o noso proxecto e entendo que poida suscitar algunha crítica política. Creemos que é unha magnífica lei, e que conta cunha tramitación impecable no sentido de que foi longamente debatida con todo o sector. A lei vixente era excesivamente reglamentista e impedía facer cambios áxiles como os que demandaban no sector.

P.- ¿Cales son os proxectos inmediatos para que bote a andar a Axencia Europea da Pesca de Vigo, inaugurada en xullo?

R.- En primeiro lugar, hai que destacar que é un fito que se recoñecera a importancia de Galicia e de Vigo nun contexto non só europeo senón internacional. Vai ser observada desde toda Europa e eso suponnos a obriga de converternos no mellor escaparate do sector, na loita contra a pesca ilegal. Entre as primeiras accións, cedemos un emblema como é a illa de San Simón para que teña alí a súa sede o organismo de formación de todos os inspectores pesqueiros a nivel europeo. Vigo ten unha grande importancia no sector polo que ten contribuido á riqueza empresarial pesqueira, e ten pendentes este ano citas importantísimas como a reunión anual da NAFO (Organización da Pesca do Atlántico Noroccidental) ou o a feira Conxemar.

P.- Noutro orden de cousas, ¿están avaliados os efectos da posible suspensión do acordo pesqueiro con Mauritania?

R.- O acordo pesqueiro con Mauritania é o máis importante que temos agora mesmo para a flota galega, cunha vixencia para 2011 que se mantén. A situación política no país mudou e isto complica moito as cousas, polo que desexamos que se estableza unha normalidade democrática. De momento, seguimos a traballar na perspectiva de que se arranxe a situación.

P.- Seguindo cos perigos da flota galega e tras casos como o do Río Bouzos I esta semana, ¿dánse os avances esperados en materia de seguridade?

R.- Cando chegamos ao Goberno, en Galicia non había ningún plan específico de prevención de riscos laborais específico para o sector pesqueiro. Agora temos en marcha programas de formación, facemos visitas in situ aos buques para detectar as deficiencias, entregamos equipamentos e este mes está previsto que comece a operar o segundo equipo no Pesca I que facilitará a asistencia 24 horas. Porén, sabemos que accidentes vai seguir habendo e pedímoslle ao sector a máxima responsabilidade. Teñen que cumplir con todas as normas, sobre todo as de comunicación.

 

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 126 votos
¿Cre que o despedimento de 900 traballadores de Citroën Vigo a final do ano, afectará negativamente á economía da nosa provincia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com