Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Gastronomía-Alimentación

Suárez Canal destaca a evolución positiva das produccións vitivinícolas galegas

por Vm - 08/04/2008
O conselleiro de Medio Rural catou os viños das denominación de orixe galegas durante a súa visita á feira Vinis Terrae, en Ourense.
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado polo delegado provincial, Xosé Rodríguez Cid, subliñou durante a clausura do certame “Vinis Terrae”, en Ourense a evolución positiva do valor económico das producións vitícolas galegas de calidade durante os últimos anos.

 

 

 

Segundo os datos manexados por Medio Rural, no ano 2007 o conxunto das cinco D.O. galegas facturaron un total de 142.484.902 euros, o que supuxo un incremento do 37,3% con respecto ao ano 2005 (cunha facturación de 89.347.659 euros) e un 19,2 respecto ao ano 2006 (cunha facturación de 115.175.291 euros).

 

 

Este incremento paulatino responde, en palabras do conselleiro “a unha nova orientación na política da Administración galega que apostou decididamente polas producións de calidade, coa posta en marcha de plans específicos na maioría das denominacións galegas, e facendo un especial fincapé na promoción e na comercialización dos nosos viños, tratando de que progresivamente vaian acadando cotas de mercado máis significativas, xa que na actualidade se atopan en condicións de competir en termos de igualdade en canto a calidade do produto”.

 

 

Suárez Canal sinalou que “este aumento do valor das producións amparadas polos consellos reguladores das denominacións de calidade de Galiza non foi casual, xa que en boa medida responde ao esforzo que a Consellaría do Medio Rural vén facendo en materia de promoción, incrementando o orzamento para este fin nun 150% na presente lexislatura, pasando dos 4,3 millóns euros en 2005 aos preto de 11 millóns que investirá Medio Rural ao longo deste ano. Esta cantidade inclúe o financiamento das campañas de promoción realizadas directamente pola Consellaría; as axudas directas aos Consellos Reguladores, tanto para o seu funcionamento como para actuacións de divulgación; a organización de catas, concursos ou presentacións dos produtos de calidade; a asistencia e a organización de feiras; a realización de xornadas, estudos de mercados, e outras actividades relacionadas con este ámbito.

 

 

Neste sentido, Suárez Canal destacou a importancia da celebración de salóns como “Vinis Terrae”, que se converte na primeira feira de carácter estritamente profesional que se celebra en Galiza, e que posibilita que durante dúas xornadas as empresas con capacidade exportadora se acheguen a Ourense a coñecer de primeira man os caldos galegos da man da produción das 80 adegas expositoras.

 

Alfredo Suárez Canal percorreu os stands de "Vinis Terrae", I Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade", en Ourense.


 

O conselleiro resaltou a importancia de que esta actividade se realice no noso país, “o que supón que nos atopamos ante o primeiro paso da segunda etapa da comercialización vitícola, porque unha vez que xa os nosos viños son recoñecidos internacionalmente, agora somos capaces de atraer compradores ao noso territorio o que, ao mesmo tempo, nos permite dar a coñecer a nosa estrutura produtiva, así como os produtos asociados ás particularidades e singularidades que caracterizan tradicional e culturalmente o noso País”.

 

 

De cara ao futuro, e ante os novos retos que debe afrontar o sector vitivinícola galego, Alfredo Suárez Canal, lembrou que o goberno galego vén traballando da man do sector, a través da interlocución e o consenso, para situar a Galiza na posición máis ventaxosa posible de cara ao medio e longo prazo.

 

 

Dentro do marco competencial no que se move o Goberno galego, o conselleiro do Medio Rural indicou que, en relación á última OCM do Viño, as propostas unitarias do sector vitivinícola galego cumprirán un dobre obxectivo, por un lado están orientadas a defender a política vitivinícola de calidade e, por outro, a establecer unha proposta para a atribución dos fondos comunitarios destinados a financiar medidas de apoio específicas do sector vitivinícola galego, con criterios ambientais e sociais.

 

 

De acordo con ese criterio, Galiza defende que a aposta na ficha financeira do Programa de Apoio do Estado español debe dirixirse a potenciar os viños de calidade ligados ás DOPs, propoñendo que, cando menos, o 65% dos fondos que vai xestionar este Programa de Apoio sexan dedicados no ámbito das DOs á promoción en países con mercados emerxentes, á reconversión de máis calidade nos marcos de produción e a investimentos en produción e industria transformadora.

O conselleiro detense no expositor da adega Coto Redondo a charlar con Antonio Méndez, xerente desta cooperativa.



 

 

Por último, Suárez Canal gabou a celebración deste salón profesional, que por primeira vez reúne ás cinco Denominacións de Orixe vitícolas galegas e ás Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galiza, lembrando que os produtos mellor posicionados para competir nos mercados actuais son os produtos de calidade e que neste contexto, o sector vitivinícola galego produce para o mercado casi exclusivamente viños amparados baixo D.O., tras anos de investimento no desenvolvemento de variedades autóctonas e integradas no territorio, acadando ata a actualidade un importante nivel de competitividade e prestixio.

 

 

    
Sobre este artículo
3 / 5 (1 Votos)
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com