| |  | | | | | A obra de Daniel Camino vai ser de novo o cartel anunciador da 35 edición. REMITIDA. | | | |
A elección dos gañadores do Concurso de carteis anunciadores das 35 Festa do Queixo Arzúa 2010 tivo lugar onte na Capela da Madalena de Arzúa.
O xurado estivo composto por cinco membros, Juan Carlos Vázquez Otero, profesor de música e pintor; Xosé Luis García López, Concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa e presidente da Asociación da Festa do Queixo; Oscar Villanueva Otero, profesor de debuxo no IES de Arzúa; Magdalena Carreira, mestra de primaria do CEIP de Arzúa e Ramón Roldán, consultor de comunicación, todos eles cualificados e designados pola Asociación Festa do Queixo.
Un ano máis, as pezas chegaron desde os distintos puntos do país. Ademais destaca o aumento de propostas recibidas, 41 en total, que supón un récord con respecto a edicións anteriores. Tamén son diversas as técnicas empregadas este ano na elaboración dos carteis: oleo, deseño gráfico, fotografía, ou ceras.
Logo das valoracións e deliberacións oportunas, o xurado emitiu o seu fallo concedendo o primeiro premio ao cartel nº 2 titulado “Imaxina”. O autor, Daniel Camino Barral, gañador do ano pasado, volve gañar o primeiro premio e a súa obra será de novo o cartel anunciador da 35 edición da Festa do Queixo de Arzúa 2010.
O xurado valorou a creatividade e a orixinalidade deste cartel, que consigue unha magnífica composición de gran impacto visual. O autor conxuga a fotografía, na que destaca un especial traballo de iluminación, coa tipografía para acadar o resultado final deste orixinal cartel. Segundo Daniel Camino, os bonecos que sosteñen o queixo representan ás diferentes persoas que de algunha maneira traballan e apoian o queixo de Arzúa.
Todos os carteis formarán parte dunha exposición itinerante que se amosará nas distintas parroquias de Arzúa. Durante os días de celebración da Festa do Queixo, a dita exposición volverá ao centro da Vila para que todos os visitantes poidan apreciar a creatividade dos participantes desta edición do concurso.
RESULTADOS FINAIS E GAÑADORES ________________________________________
1º premio: 600 EUROS CARTAZ Nº: 2 Título Obra: “Imaxina” Autor: Daniel Camino Barral Profesión: Estudante Deseño Gráfico Procedencia: Arzúa
2º premio: 300 EUROS CARTAZ Nº: 15 Título Obra: “Pandeireta da Terra do Queixo” Autor: Aitor Marín Castro Profesión: Deseñador Gráfico Procedencia: Arzúa
3º premio: 150 EUROS CARTAZ Nº: 17 Título Obra: “Tinta China” Autor: Pablo Fernández Barco Profesión: Deseñador Gráfico Procedencia: A Coruña
4º premio: AGASALLO ESPECIAL”FESTA DO QUEIXO” Elixido en votación popular o pasado 10 de xaneiro.
Título Obra: “Queixo no Camiño” Autor: Alejandro Pampín Castro Profesión: Estudante Procedencia: Arzúa
ENTREGA OFICIAL DE PREMIOS
O acto de entrega de premios incluirase no Programa Oficial de Actos da 35 Festa do Queixo.
|