| |  | | | | | Nesta edición, o concurso desenvólvese na Praza de Abastos de Santiago, para achegar ao público a elaboración deste prato estrela da cociña galega. Na imaxe a anterior edición. REMITIDA. | | | |
O certamen busca de novo á mellor pulpeira ou pulpeiro galego. Nesta edición, o concurso desenvólvese na Praza de Abastos de Santiago, para achegar ao público a elaboración deste prato estrela da cociña galega. O Fórum Gastronómico Santiago 2010, que se desenvolverá en Compostela do 20 ao 24 de febreiro, convoca o II Concurso de Pulpeiras Fórum Gastronómico Santiago, tras o éxito da súa primeira edición, celebrada en 2008.
O concurso, que busca incentivar e premiar os coñecementos e habilidades das pulpeiras e pulpeiros profesionais de Galicia na elaboración e servizo do Polbo á Feira, celebrarase nas instalacións da Praza de Abastos de Santiago o sábado 20 de febreiro, dentro das actividades do Fórum Cidade, dirixidas aos afeccionados á gastronomía.
A participación está aberta a todos os profesionais especializados na cocción e o servizo de polbo e que desenvolvan a súa actividade en feiras e mercados de Galicia. Os interesados poden inscribirse ata o 31 de xaneiro a través de www.forumsantiago.com. O concurso terá un máximo de 12 participantes, que se seleccionarán por estrita orde de inscrición.
Un xurado formado por prestixiosos cociñeiros, gastrónomos e personaxes do mundo da cultura galega, valorarán o traballo dos participantes, tendo en conta o sabor, a textura, punto de cocción, o aderezo e o corte e presentación do polbo.
A propia Praza de Abastos acollerá a cerimonia de entrega de premios ao termo do concurso. Establécense tres premios, dotados con 1.000, 800 e 600 euros, acompañados todos eles dun diploma acreditativo e dúas entradas para o Fórum Gastronómico do domingo.
O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend Associats.
|