|
Na XII Cata dos Queixos de Galicia, as Distincións de Ouro foron para a marca Bama da empresa Queizúar (nas categorías das DOP Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa); Don Crisanto, da queixería SAT Don Crisanto (da DOP San Simón da Costa); e Castelo, de Castelo de Brañas (da DOP Cebreiro).
As Distincións de Prata, pola súa parte, recaeron nos queixos Queinaga, da SAT Queinaga (Queixo Tetilla); Arquesán, de Agrodespensa, S.L. (Arzúa-Ulloa); e Prestes, da Queixería Prestes (San Simón da Costa). E finalmente, as Distincións de Bronce foron para as marcas Tres Pazos de Queserías del Ulla (Queixo Tetilla); Alimentos Ruta Xacobea, de Alimentos Ruta Xacobea (Arzúa-Ulloa); e Cas Leiras, da queixería Cas Leiras (San Simón da Costa).
Na VIII Cata dos Meles de Galicia a Distinción de Ouro de meles monoflorais –categoría que opta a un único premio- foi para Mel O Cortizo, de Avelina Calvo Munín; mentres que a de meles multiflorais foi para Mel do Soldoiro, de Antonio Gómez Tapia. A Distinción de Prata de multiflorais recaeu no mel Veiga Florida, de Miguel García Carballo; e a de Bronce na marca O Canón do Sil, de Eduardo Álvarez Pérez.
Nesta XII Cata dos Queixos e VIII Cata dos Meles de Galicia participaron 50 queixos procedentes de 38 queixerías, e 20 meles de 16 industrias. As xornadas de cata desenvolvéronse entre o 24 e o 26 de novembro pasado en Santiago, polo sistema de Cata a Cegas, que garante o anonimato das mostras ata o final do proceso. As mostras foron avaliadas por un grupo de expertos integrado por membros dos Paneis de Cata das denominacións de orixe protexidas dos queixos galegos e a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia; xornalistas especializados en gastronomía e representantes do sector hostaleiro e da restauración. Ademais, este ano houbo tamén unha representación das industrias queixeiras de Castela León e Canarias.
Juarez
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, defendeu, no acto de entrega de premios das catas dos queixos e dos meles de Galicia, unha negociación permanente e en pé de igualdade entre os axentes que participan no proceso produtivo do agro galego, como a mellor fórmula para garantir a súa competitividade e o seu futuro. O titular de Medio Rural, que presidiu a entrega de premios, amosouse convencido de que só coa unión de esforzos de produtores, industria, distribuidores, poderes públicos e consumidores será posible continuar producindo e vendendo os froitos do agro galego en xeral e en particular os queixos e os meles con certificado de calidade.
Juárez Casado insistiu no compromiso da Xunta con todo o sector agroalimentario galego, pero de maneira especial cos produtores, polo seu papel protagonista na cadea de valor destas producións. Engadiu que o Goberno Galego seguirá a impulsar, dentro das súas competencias, o diálogo no sector, ao tempo que afondará no seu fomento a través de liñas de axudas nas que se priman aspectos considerados esenciais, como son a mellora da competitividade; a investigación, desenvolvemento e innovación; a mellora tecnolóxica ou o apoio á comercialización. O conselleiro do Medio Rural apostou por estas catas como medio para apoiar a comercialización dos queixos e os meles de Galicia, tendo en conta a importancia de certificar a calidade destes produtos e de saber transmitir as súas bondades, para que os consumidores teñan moi presente esa excelencia.
|