|
Pontevedra foi a cidade elixida para inaugurar hoxe Enotur 2009, o Primeiro Salón de Turismo Enolóxico de España, que está organizado coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, e que se celebrará nesta cidade durante toda a ponte de decembro. O salón congregará a centos de empresas vinculadas co sector vinícola na súa faceta de reclamo turístico e de motivador de viaxes.
Ao acto de inauguración asistiron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a secretaria xeral par ao Turismo, Carmen Pardo López, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Enotur é un escaparate que integrará a máis de 50 cidades e 19 rutas do viño da Asociación de Ciudades del Vino. Así mesmo estarán presentes en Enotur a ruta do viño das Rías Baixas e as empresas relacionadas co viño dende a súa vertente turística; os 34 museos do viño de España, os 72 socios da Federación Española del Vino, operadores e comercializadores de viaxes de enoturismo; librerías e tendas de viño e gastronomía; medios de comunicación e adegas especializadas ou representantes das asociacións de enoturismo e de gastronomía. En Enotur tamén se poderá visitar unha exposición de fotografía e escultura relacionada co viño.
Todos eles conforman o panel de expositores de Enotur cuxas claves serán crear unha contorna de venda única e popular, que permita un achegamento masivo e directo do público ao mundo do enoturismo. Tamén é a primera vez que un salón recolle un espazo de exposición e venda de arte relacionado co viño. Celebrarase unha xornada profesional dirixida a operadores, axentes e distribuidores. Haberá tamén un programa de actividades paralelas como a Hora do Viño e a Beleza, con sesións gratuítas de viñoterapia; a Hora do Viño e a Música, con actuacións en directo; a Hora do Viño e a Gastronomía, cunha experiencia de balde de maridaxe aberta ao público, entre outras.
No marco de Enotur celebrarase tamén o Campionato Galego de Sumilleres. Os gañadores serán os responsables de representar a Galicia nos concursos de actividades que se celebrarán en España durante todo o ano 2010.
A Consellería de Cultura destaca que o turismo enolóxico e a gastronomía son ferramentas de potencial atracción do turista de elevada capacidade adquisitiva. O enoturista desprázase para degustar e coñecer novos viños e as súas características, así como a cultura que os rodea. Así, o turismo enolóxico e o gastronómico son potentes instrumentos de fidelización ao destino e a gastronomía converteuse nunha das principais motivacións de quen nos visita. Galicia será a primeira comunidade que acolla un evento destas características e de vocación nacional que aglutina o turismo e a enoloxía, as experiencias do viaxeiro e as motivacións dos amantes da boa mesa e dos produtos da terra.
Por todo iso, a Xunta considera que apostar polo enoturismo dende a administración é un garante de dinamización das zonas deprimidas e de aproveitamento dos recursos durante todas as épocas do ano, o que significa traballar na senda da aposta polo turismo como factor de reequilibrio territorial. Por todo isto é un modo de fomentar o turismo sostible de modo que o patrimonio natural e paisaxístico poida ser explotado turísticamente para contribuír con isto á súa conservación.
Galicia elabora viños dende hai 2.000 anos, conta xa con dúas Cidades do Viño, dúas Rutas do Viño certificadas, un Museo do Viño e unha recentemente creada Asociación Galega de Enoturismo, mostras evidentes da querenza da nosa terra polos seus caldos e do compromiso da Administración galega no fomento do enoturismo.
|