| |  | | | | | O conselleiro, esta mañá no Centro Superior de HostelerÃa de Galicia. ANA VARELA. | | | |
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presidiu hoxe o acto de graduación dos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia onde apostou por “continuar impulsando o rol clave no sector deste centro de formación” e garantiu “a calidade educativa e a promoción dunha dimensión e unha ambición internacional a todos os seus proxectos”. Os 134 novos directivos hostaleiros, que remataron os seus estudos no curso 2008-2009, son profesionais que traballarán na dirección de hoteis, nas centrais das grandes empresas turísticas e cadeas hostaleiras e en postos directivos hostaleiros de admnistración e finanzas, marketing e vendas, recursos humanos e xestión de aloxamento e xestión de alimentos e bebidas, entre outros.
Roberto Varela afirmou que a Consellería de Cultura e Turismo, que integra as competencias en materia turística, ten moi presente “a necesidade de impulsar políticas de formación globais que contribúan a mellorar as experiencias turísticas daqueles que nos visitan e a reforzar a aposta do Goberno Galego pola calidade no sector”. “Os profesionais do sector turístico constitúen a cara visible para os que se achegan a coñecernos. O capital humano do país é unha das bases sobre as que se sustenta a política turística. Neste sentido, os alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia son xa un valor en alza para a evolución do turismo galego”, engadiu.
A formación do Centro Superior de Hostelería de Galicia é multidisciplinar e recolle os valores, actitudes, habilidades e coñecementos do saber facer hostaleiro, e segundo o conselleiro de Cultura e Turismo os alumnos do centro “son o presente dunha profesión que reclama traballadores cualificados”. Galicia, cun ano Xacobeo por diante, “necesita darlle aos turistas e visitantes os mellores servizos, aloxamentos e ofertas gastronómicas; e para iso o traballo de todos vostedes é fundamental”, engadiu o conselleiro.
Ao acto tamén asistiron o co-presidente de Barceló Hoteles & Resorts e padriño da promoción, Simón Pedro Barceló; a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; a directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita; a directora do CSHG, Patricia Cuevas; e o reitor da USC, Senén Barro.
Calidade no servizo e a adaptación ás esixencias da demanda Roberto Varela salientou que os 61 alumnos de Diploma en Xestión de Empresas Hostaleiras (XIII promoción), os 51 de Gran Diploma en Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras (XI promoción) e os 22 alumnos de Certificado de Elaboración e Xestión de Cociña (XIV promoción) son dende hoxe profesionais que saen ao mercado laboral para “contribuír coa súa formación e esforzo a mellorar o noso sector turístico” e que a formación por parte dos axentes turísticos “é o primeiro paso cara a consecución dun destino turístico caracterizado pola excelencia”.
Para o titular de Cultura e Turismo, “é labor de todos conseguir que a nosa comunidade proxecte unha imaxe de oferta turística diferenciada e adaptada ás necesidades do novo usuario turístico que é cada vez máis esixente. A mellora da oferta en termos de calidade no servizo e a adaptación ás esixencias da demandan son o primeiro paso cara esa distinción”.
Doutra banda, Roberto Varela gabou o traballo dos alumnos, profesores e profesionais do Centro Superior de Hostelería de Galicia, “gracias a vosa labor o centro ten acadado gran prestixio”. Claro exemplo deste traballo é a recente decisión de Hyatt Hotels & Resorts, con sede en Chicago, de elixir ao Centro Superior de Hostelería de Galicia para participar no ‘Hyatt Student Prize 2009’ que se celebrará o vindeiro 16 de decembro. Neste concurso, da compañía con presenza en máis de 45 países con 380 hoteis e resorts, escóllese ao mellor estudante da industria hostaleira do continente europeo, e CSHG é a única escola española que participa.
Finalmente, o conselleiro de Cultura e Turismo, animou a “seguir traballando polo centro e polo sector hostaleiro galego, un sector que nós axuda a ofrecer a nosa mellor cara e que pon en valor a nosa terra e aos profesionais que traballan nela”. Neste mesmo sentido pronunciouse tamén a directora do CSHG, Patricia Cuevas, quen agradeceu os quince anos de vida que cumpre agora a escola e apostou por “seguir tendendo pontes e enlaces entre o mundo académico e o mercado laboral”. |