|
A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Rego, asistiu esta mañá á firma do convenio de colaboración entre a IXP Pataca de Galicia e Vegalsa-Grupo Eroski para a comercialización, promoción e venda de patacas amparadas por esta indicación nos establecementos de dita empresa.
O presidente do Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, Julio Gómez Fernández, asinou co responsable de compras de froitas e hortalizas deste grupo, Pedro Lage Ponte, un acordo de dous anos prorrogables para promocionar e vender as patacas con selo de calidade galega.
O obxecto deste acordo é sumar os esforzos e iniciativas propios da IXP Pataca de Galicia e de Vegalsa-Grupo Eroski para fomentar o coñecemento das patacas da denominación entre as asociacións, institucións, e consumidores en xeral, e os clientes de Vegalsa-Grupo Eroski en particular.
Grupo galego de distribución alimentaria
Vegalsa-Grupo Eroski é un grupo galego participado ao 50% por Grupo Eroski e a familia González Prieto. A compañía desenvolve tódalas liñas do negocio da distribución comercial alimentaria, a través de establecementos maioristas Cash Record (19 tendas), os autoservicios Familia (58 tendas), os supermercados Eroski center (95) e Eroski city (25) e a franquicia Aliprox (37).
Con preto do 22% da cota de mercado galego, Vegalsa-Grupo Eroski dá emprego a máis de 4.350 traballadores e dispón de 200.000 metros cadrados de superficie comercial propia e 15.000 de superficie franquiciada.
|