|
O Castelo de Soutomaior acollerá hoxe ás 21.00 horas a inauguración da exposición pictórica 'Da Natureza ó Lirismo' de Carlos Fernández Iglesias, que permanecerá ó público ata o 31 de maio.
Tal e como recolle Francisco Pablos, da Academia de Belas Artes, no catálogo da mostra o autor "afirma a súa personalidade de pintor, de paisaxista, que é tanto como dicir de intérprete peculiar da natureza". Do mesmo xeito Francisco Pablos comenta "danos a sinxeleza como resultado aparente na súa obra, aínda que lata nela un implícito barroquismo, un saber de detalles e pormenores case ocultos".
Entre outros apuntes, o texto redactado por Francisco Pablos tamén pon de relevo que a obra pictórica "recolle añiles do Mediterráneo; ocres do deserto africano, algodonosas nubosidades andinas e verdes pardeados da Pampa, para ó fin retornar ós blanquigrisáceos, rosidorados, verdiazulencos de Galicia".
Carlos Fernández Iglesias
ten participado coa súa obra en numerosas exposicións individuais e colectivas dende o ano 1982 (no que estivo presente no XIV Certame de Pintura da cidade de Benicarló; no VIII Certame Nacional de Pintura de Almería e na XI Bienal de Arte de Lugo) ata o presente 2008 coa súa participación nunha mostra nas Casas do Tratado en Tordesillas e no Castelo de Soutomaior.
O autor está licenciado en Xeografía e Historia pola UNED de Pontevedra e realizou numerosos cursos de debuxo artístico, delineación pintura ó óleo etc. Ademáis realizou diferentes viaxes formativos e culturais a Florencia, Venecia, Ámsterdam... e, dentro dos seus traballos, compre destacar que foi o encargado de ilustrar o libro 'Sentires'.
|