Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Educación

Investigadores das universidades galegas estimulan a vocación científica dos estudantes no `Forum Orienta 2008´

por Vm - 09/04/2008
Investigadores del stand de anatomía patológica y psicología.
Investigadores do Sistema Universitario de Galicia (SUG) participan estes días no `Forum Orienta 2008´ que se celebra en Vigo expoñendo as súas experiencias e avances en distintos campos, tales como a medicina, a criminoloxía ou a investigación marítima. Deste xeito, os máis de 15.000 visitantes que agarda recibir esta feira do ensino superior de Galicia poderán coñecer de primeira man a algúns dos científicos que fan que as universidades galegas sexan referentes en investigación e nicho de futuros talentos no eido da ciencia.

Durante a xornada de hoxe, preto de 3.000 alumnos e alumnas de 42 centros educativos galegos tiveron a ocasión de percorrer o Forum no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), podendo asistir a actividades como a charla da profesora da Universidade de Vigo África González, discípula do premio Nobel César Milstein, quen conseguiu este galardón polo descubrimento de certos anticorpos que son capaces de detectar células canceríxenas. Así, afondando no labor do seu mestre, África González está a traballar nas balas máxicas, ou medicamentos que atacarían ás células canceríxenas directamente, tendo acadado xa importantes avances neste campo.

Ademais, o programa do `Forum Orienta 2008´ inclúe unha charla a cargo do grupo do investigador Ángel Carracedo, da Universidade de Santiago de Compostela, que explicará aos asistentes como se realizan as probas biolóxicas de paternidade, de identificación de desaparecidos en grandes catástrofes e de investigación criminalística, así como do coñecemento da poboación galega. Ángel Carracedo é tamén coñecido pola súa colaboración coa policía científica de varios países para analizar ADN. Carracedo dirixe un dos laboratorios de xenética máis importantes do mundo, que se atopa na Facultade de Medicina da USC.

Outra das actividades destacadas nos stands das universidades galegas é a demostración, por parte de persoal da Universidade de Vigo, sobre como se constrúe un retrato robot dun sospeitoso e como detectan as pegadas os expertos criminólogos. Neste punto, os alumnos interesados tamén poden recibir información sobre os estudos en Ciencias Policiais e Detective Privado da man de técnicos da universidade da cidade olívica.

Por outra banda, Betty León, investigadora da Universidade de Vigo, presentará dentro do Forum Orienta as novas aplicacións das tecnoloxías láser, tales como o escáner en 3D e os raios infravermellos.

No eido da investigación marítima, Salvador Naya e Fernando Junco, enxeñeiros que traballan na Universidade da Coruña, explicarán ao alumnado que se achegue ao Forum Orienta '08, paso por paso, como se constrúe un barco de miles de toneladas. Neste senso, a edición deste ano do Forum inclúe como novidade a posibilidade de que os alumnos que o desexen poidan facer unha visita a dous barcos de prácticas da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, atracados no peirao do Náutico de Vigo. Esta actividade, dirixida por alumnos e profesores de dita escola, inclúe unha conversa con estudantes universitarios sobre os estudos de Náutica e Máquinas, poder subir a bordo dos barcos Marineda e Breogán e escoitar a explicación sobre as súas partes e funcionamento. Ademais, se o tempo o permite, os alumnos visitantes poden facer un percorrido pola ría de Vigo nestes dous barcos.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com