| O programa do Forum 'Orienta 2008' inclúe para esta edición un total de 233 actividades que axudarán a difundir a oferta de ensino superior en Galicia aos visitantes que se acheguen a este evento, que previsiblemente superarán os 15.000.
O Forum 'Orienta 2008', con acceso libre, celebrarase desde mañá martes, 8 de abril, ata o domingo, 13 de abril, no Instituto Ferial de Vigo (Ifevi). As actividades que se van celebrar nos diferentes stands van desde charlas sobre as probas de acceso á Universidade, a vida nos diferentes campus ata a celebración de concertos e obradoiros sobre como se constrúe un forno solar, pasando pola realización de simulacros de realidade virtual.
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, será a encargada de inaugurar mañá ás 12 horas este evento, que está organizado pola Administración educativa autonómica coa colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
136 centros
Un total de 136 centros educativos están inscritos para percorrer o Forum. Durante a xornada de mañá, serán 37 destes centros e 2.249 alumnos e alumnas os que se acheguen ao Ifevi para poder asistir a actividades como a realización de experimentos con distintos elementos químicos, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela; a unha charla na que se facilitará información sobre as Licenciaturas en Máquinas Navais e Náutica e Transporte Marítimo, e as Diplomaturas en Máquinas Navais e en Navegación Marítima, da Universidade da Coruña; ou a unha improvisación teatral a cargo de estudantes da Universidade de Vigo que presentarán, dunha forma orixinal, a súa experiencia universitaria.
Outras actividades
Ademais, como actividades permanentes, destacan as exposicións e demostracións prácticas de actividades con distintos centros e titulacións das distintas universidades galegas, así como exhibicións interactivas e documentais sobre o proxecto Climántica, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a través das que orientadores deste departamento ofrecerán informacións obre aspectos vocacionais para estudo se profesións que permitan investigar e mitigar os efectos do cambio climático. |