|
O primeiro Simposio Iberoamericano e as cuartas Xornadas Ibéricas de Horticultura Ornamental organizado pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro contará coa participación de máis de 100 persoas procedentes do territorio nacional, así como do país veciño Portugal e do outro lado do atlántico, concretamente de Chile e Arxentina. Esta iniciativa, que se celebrará no Pazo Provincial, entre os días 15 e 17 de outubro, buscará facilitar a transferencia e o intercambio de resultados das investigacións e traballos realizados polos técnicos en horticultura ornamental, para un mellor aproveitamento dos recursos da flora ornamental.
O congreso abarcará a totalidade dos temas relacionados con este mundo como son o sector ornamental, a selección e mellora de plantas ornamentais, plantas autóctonas, o seu uso en xardinería, desenvolvemento de novos produtos, flor cortada, floricultura, viveirismo, planta en maceta, paisaxismo e revexetación, xardinaría, horticultura urbana, propagación e produción de planta, produción sostible e protección integrada, técnicas de cultivo, fertilización e rega, alteracións en plantas ornamentais, recoñecemento e diagnóstico de pragas e enfermidades e control de pragas e enfermidades. Este amplo abano de campos permitirá a participación de distintos sectores no congreso: viveiristas, técnicos de xardíns de organismos públicos e privados, empresas privadas de material de xardinaría e investigadores, entre outros.
Un congreso que contará coa presenza de dous investigadores de renome en horticultura ornamental de Sudamérica, Peter Seemann, profesor da Escola de Agronomía, Facultade de Ciencias Agrarias da Universidade Austral de Chile, e Roberto Fernández do Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria de Bos Aires, que presentarán traballos realizados e aportarán diversas comunicacións de importantes investigadores do campo da Horticultura Ornamental en Sudamérica. Esta visita ademais servirá para difundir a horticultura ornamental galega en América, e posiblemente abrirá as portas para unha futura cooperación en esta materia entre ámbolos dous continentes.
Pola parte portuguesa están convidados Domingos Almeida da Universidade de Porto e Dalila Espirito Santo do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa. Entre os científicos españois relatores, Pedro Cermeño, profesor do Instituto de Investigación e Formación agraria e pesqueira de Alcalá del Río en Sevilla; Jesús Izco Sevillano, Catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, e Pedro Mansilla, xefe de Servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Ademais, das actividades propias do simposio, os participantes realizarán visitas a lugares de interese como os xardíns do Castelo de Soutomaior, o Pazo de Oca; o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla; o Pazo de San Cibrán en Vedra; así como a diferentes viveiros de Pontevedra e A Coruña.
|