Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

Tres alumnas de colexios do Porriño, Burela e Santiago de Compostela gañan a primeira edición do Premio Literario Escolar Caixanova

por Vm - 22/04/2008
Caixanova deu a coñecer esta mañá o fallo da primeira edición do Premio Literario Escolar, convocado pola entidade co obxectivo de promover a creación literaria no ámbito escolar, ao amparo do inestimable labor dos profesores que animan ao pracer da lectura e da escritura.

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o presidente do xurado, Francisco Castro, foron os encargados de dar a coñecer a resolución nun acto que tivo lugar no Centro Social Caixanova en Vigo. O crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez, o escritor de literatura infantil e xuvenil Agustín Fernández Paz e o xornalista e escritor Álvaro Otero completaron a composición do tribunal que se encargou de seleccionar os traballos gañadores.

Sofía Lorenzo Páramos, do IES Ribeira do Louro (Porriño), foi a gañadora do premio na categoría de primeiro ciclo da ESO polo traballo “Un regalo sorprendente”, avalado pola súa profesora Sara Costa Tenorio. O presidente do xurado destacou o argumento da obra, que aposta claramente polo valor da lectura xa que se centra nunha rapaza que agarda como regalo un libro, e non unha consola de videoxogos ou unha televisión, algo máis habitual na actualidade.

Na categoría de segundo ciclo da ESO resultou premiada Lucía Barrera López, do IES Perdouro (Burela), polo poemario “No ocaso do mar. Sensacións para un tempo vivo. Retrincos do maxín”, avalado pola docente Edelmira Parga Valiña. Segundo explicou Francisco Castro o xurado quedou sorprendido pola madurez da obra, así como polo sentido do ritmo e o uso dun amplo vocabulario.

Por último, na categoría de Bacharelato, o xurado decidiu outorgarlle o premio a Soná Nakhshon, estudante do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), polo traballo “Lo poco que siempre queda”, avalado pola profesora Ana Mª Platas. Francisco Castro afirmou que se trata dun texto moi emotivo que nos leva a reflexionar sobre os camiños da memoria e a importancia do amor.

As tres alumnas galardoadas recibirán un equipo informático completo e os seus profesores un ordenador portátil.

Á convocatoria presentáronse 152 obras procedentes de 56 centros escolares das catro provincias galegas. Os colexios e institutos de Pontevedra remitiron un 42,8% dos traballos, mentres que da Coruña recibíronse o 35,5% das obras, de Ourense o 15,1% e de Lugo o 6,6%.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com