Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

Preto de 40.000 rapaces de 13 comarcas galegas participarán no Correlingua entre o 6 e o 16 de maio

por Vm - 21/04/2008
Unha imaxe da pasada edición de Correlingua polas rúas de Vigo.
Nos días previos ao Día das Letras Galegas, e para lembrar que a defensa do galego é unha carreira de fondo que se prolonga durante os 365 días do ano, preto de 40.000 rapaces participarán no Correlingua, unha carreira de remuda que comezará o día 6 de maio na Coruña e que rematará o 16 en Ourense, despois de percorrer 13 comarcas galegas, baixo o lema 'En galego cabe todo'.

 

A oitava edición da actividade, organizada pola Asociación Socio Pedagóxica de Galicia, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os Concellos de Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago, entre outras entidades, presentouse hoxe en Santiago, onde se entregaron tamén os premios dos concursos do Manifesto do Correlingua e de Banda Deseñada, no que participaron máis de 500 centros.

 

Anxo Louzao, de CIG Ensino, remarcou a importancia destas iniciativas nuns "momentos difíciles para o noso idioma". "O mundo do ensino é un ámbito fundamental para normalizar o galego", afirmou Louzao.

 

Así o cre tamén Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen salientou o feito de que sexa a xente nova a que defenda o dereito a vivir en galego. E lembrou que para este 'Mes das Letras' está convocada outra mobilización: a manifestación que o 18 de maio partirá da Alameda de Santiago para rematar na Quintana en defensa do galego.

 

Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, en representación dos departamentos da Xunta que colaboran nesta iniciativa, sinalou a "mobilización e o compromiso" necesario por parte da cidadanía e das institucións para "superar os obstáculos" do galego.

 

O Correlingua partirá da Coruña o día 6 de maio, para continuar ao día seguinte en Ribeira e Ferrol; o día 8 en Foz e Vilagarcía; o día 9 en Lugo; o 12, en Santiago; o 13, en Pontevedra; o 14 en Vigo; o 15 de maio en Salceda de Caselas e Monforte de Lemos, e por último, o día 16 en Verín e Ourense.

 

Ao final das carreiras repartiranse premios entre os 'linguatletas' e celebrarase unha festa coa actuación de Sinefrés, o grupo de Boiro gañador do A Polo Ghit da Correlingua, organizado pola Radio Galega, así como do Xabarín Club da TVG, e con espectáculos teatrais de Touriñán e Marcos, Ppablo e Ghazafellos e do Grupo Chévere, entre outros.

 

 

Premios

 

De entre os manifestos presentados, premiouse o presentado polo grupo de 3º de ESO do CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral (A Coruña), mentres que o premio de Banda Deseñada recaeu no grupo de 5º de Primaria do Colexio Pepe de Xan Baña de Santa Comba (A Coruña).

 

O manifesto gañador, titulado '7 marabillas' fai fincapé na idea de que "en galego cabe todo". Os premiados participarán nos programas 'Vive o Monte' e 'Entre mareas', no caso do Manifesto, e os gañadores de Banda Deseñada participarán no Proxecto Terra.

 

O xurado outorgou varias mencións debido á "alta calidade" dos traballos presentados para o grupo de 1º de Bacharelato do IES Xermán de Ancochea da Pobra de Trives e o IES Río Miño de Rábade, na sección de Manifesto, e para o grupo de Educación Infantil do CPI Afonso VII de Caldas de Reis e o de 5º de Primaria do Colexio A Cristina de Carballo, en Banda Deseñada.

 

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com