Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

Vigo, Santiago, Coruña, Ourense e Pontevedra achegan a figura de Curros Enríquez no centenario do seu pasamento

por Vm - 18/04/2008
A conselleira de Cultura e os concelleiros de Vigo, Santiago, Pontevedra, Ourense e A Coruña.
Achegar o poeta popular ao pobo cen anos despois do seu pasamento. Ese é o obxectivo do programa de actividades organizado polos Concellos da Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo co gallo do centenario da morte do escritor e xornalista Manuel Curros Enríquez, e no que colabora a Consellería de Cultura.

O programa inclúe unha exposición, un ciclo de conferencias, un recital, un concerto e unha montaxe teatral, así como unidades didácticas para centros escolares, e itinerarán polas cidades e vilas galegas, segundo explicaron hoxe en rolda de prensa en Santiago a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; a de Ourense, Isabel Pérez; o de Santiago, Néstor Rego, e o de Vigo, Xesús López Carrera, acompañados pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

A actividade arranca o vindeiro 25 de abril coa instalación da exposición 'Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso' na zona do Obelisco na Coruña, onde permanecerá ata o 11 de maio. Trátase dunha mostra para a rúa, que percorre a traxectoria literaria, social e política do poeta de Celanova a través de oito paneis. Despois da cidade herculina, será a cidade das Burgas a que acollerá a mostra, entre o 15 e o 27 de maio, para despois percorrer outras cidades galegas.

Acompaña a exposición un ciclo de conferencias tituladas 'Curros e o seu tempo', que na Coruña celebraranse no mes de maio, e no que participarán Francisco Rodríguez, Laura Mariño, Diego Pardo, Manuel Rei, Pilar García Negro e Elisardo Varela, que abordarán a relación do escritor con Cuba, coa lingua, coa Igrexa e co poder e a vixencia da súa obra.

Por outra banda, o compositor Paulino Pereiro presentará o 18 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña un concerto con composicións creadas para conmemorar o centenario, con catro pezas para cuarteto de corda, tres delas estreas absolutas.

Un recital poético-musical percorrerá as cidades galegas e a vila natal de Curros, Celanova, co título 'Na fronte unha estrela', arredor de poemas e cantigas líricas baseadas nos seus textos. Participarán a mezzosoprano María José Ladra e o barítono Antón de Santiago, mentres que a parte instrumental correrá a cargo do grupo Cítola.

O programa inclúe unha exposición, un ciclo de conferencias, un recital, un concerto e unha montaxe teatral, así como unidades didácticas para centros escolares.


No eido teatral, o grupo afeccionado de Lugo Achádego porá en escena unha adaptación de 'O divino sainete', realizada por Marica Campo, un texto do que se resaltará que malia ser escrito hai 120 anos continúa vixente. A estrea será o día 1 de xuño na cidade herculina, para despois moverse por outros auditorios de Galicia.

A vixencia da obra de Curros será o tema principal dun documental encargado a Carlos Oro, e que se prevé estrear en verán. Para os estudantes, creouse a unidade didáctica titulada 'A volta a Curros en oito actividades', para divulgar a vida e obra do autor do Rexurdimento, e abrirase un blog para recibir propostas dende o ensino para o centenario do escritor.

Unha figura fundamental

Os promotores desta iniciativa recalcaron a necesidade de reivindicar a Curros cando se cumpren cen anos do seu pasamento. Un poeta que no seu tempo foi popular, feito polo cal a súa obra pasou ao imaxinario colectivo, xa que se converteu "nun dos poetas máis musicado, xunto a Rosalía". Proba diso foi o multitudinario cortexo cívico na Coruña o 5 de marzo no seu enterro.

Ánxela Bugallo agarda que o programa sirva para que a xente "coñeza a relevancia dalguén que dedicou a súa vida a Galicia", cen anos despois da súa morte, e lembrou a súa loita "polos oprimidos, pola lingua e a identidade".

Rego valorou este programa por recuperar "a pegada popular de Curros", un poeta que foi ademais "defensor do país, do progreso e da liberdade e que loitou contra o centralismo, o caciquismo e a marxinación", e do que se salienta un "ideario que segue vixente a día de hoxe", afirmou Bravo, promotora da iniciativa.
    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com