Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

A programación municipal de teatro infantil continúa coa representación de 'Un agasallo para Xaquín'

por Vm - 11/04/2008
Coa obra "Un agasallo para Xaquín", interpretada pola compañía Os Monicreques de Kukas, continúa mañá, 12 de abril, a programación estable de teatro para o primeiro semestre de 2008, posta en marcha pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. A representación, que terá lugar no Auditorio Municipal ás 18:00 horas, está dirixida a nenos e nenas a partir dos catro anos.
"Un agasallo para Xaquín" é un espectáculo creado a proposta do Instituto Galego de Consumo que conta a historia de Xaquín, un neno consumista e caprichoso que só se alimenta de larpeiradas ata que o día do seu aniversario vive un pesadelo que o fai reflexionar sobre a súa actitude e o impulsa a cambiar os seus hábitos. Deste xeito, na obra se abordan, por medio da narración dunha historia representada teatralmente con monicreques, temas transversais como poden ser o uso e abuso de comida lixo e rica en gordura e azucres fronte a unha alimentación saudable e natural, as formas de vida excesivamente sedentarias e solitarias fronte ós xogos en grupo e a práctica de deportes ó aire libre, ou o consumismo fronte ós hábitos de consumo responsable.

No ano 1979, Isabel Rey e Marcelino de Santiago fundan Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia, e unha das máis estables do panorama teatral galego. O seu traballo caracterízase por contribuír á dignificación do teatro de marionetas coidando a presentación dos espectáculos tanto dende o punto de vista formal como no argumental e textual. Ademais de empregar argumentos de carácter social e relacionados coas tradicións galegas, investigan na creación e construción de novos prototipos de marionetas que conxugan diferentes técnicas de manipulación e que permiten montar espectáculos de gran formato. Outros dos seus traballos son "Galiza Máxica", "O Retablo de Maese Pedro de Falla", "Cantata San Nicolás de Britten", "Contos do Vento acatarrado", e "Xan Trapallas", entre outros.

As entradas, de 2 euros para os menores de doce anos e 3 euros para os maiores, pódense adquirir nas instalacións da Central de Espectáculos (na rúa Velázquez Moreno, número 26) e por internet na web www.centralespectaculos.com. Unha hora antes do comezo do espectáculo, se todavía quedasen entradas, poden mercarse na propia taquilla do Auditorio.
    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com