Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

Catedrais, igrexas e mosteiros reviven coa música do programa 'Espazos sonoros'

por Vm - 05/04/2008

O grupo Resonet deu onte no Museo do Pobo Galego en Santiago as primeiras notas do programa 'Espazos Sonoros', que levará a catedrais, igrexas, mosteiros e museos as músicas máis diversas.

Segundo explicou hoxe o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, trátase de combinar o atractivo de distintos estilos musicais con lugares de interese arquitectónico, cultural e paisaxístico para poñer en valor o patrimonio material e recuperar o patrimonio musical.

Promovido pola Consellería de Cultura, 'Espazos Sonoros' arrancará o vindeiro mércores, día 9, na Igrexa de Santa María de Iria Flavia, en Padrón, e ata o 14 de xuño ofrecerá 66 concertos de 25 formacións que pasarán por Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ourense, Allariz, Xunqueira de Ambía, Celanova, Ribadavia, Viveiro e Monforte de Lemos. Haberá para todos os oídos, dende recitais de música clásica a músicas máis experimentais e contemporáneas.

O programa artéllase en torno a cinco ciclos, dedicados á música de órgano, vocal, de cámara, antiga e doutros sons, como poden ser de raíz, jazz ou música contemporánea.

Deste xeito, 'Espazos Sonoros' ofrece a posibilidade de escoitar obras de patrimonio musical galego por primeira vez dende hai séculos nas catedrais de Santiago e Ourense. O ciclo de música vocal desenvolverase nas Igrexas de Santa María a Maior, de Pontevedra; nas igrexas de San Francisco e Santo André en Ribadavia; na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago; na Igrexa de Santiago en Viveiro, e na Igrexa de San Francisco en Lugo.

Tres museos e o Liceo de Ourense acolerán os concertos do ciclo de música de Cámara: o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Pontevedra e o Museo de Belas Artes da Coruña.

O ciclo de música antiga percorrerá a música dende a Idade Media ao Barroco, interpretada con instrumentos orixinais, en espazos como o Museo do Mar en Vigo, a Igrexa de Santa María A Real de Xunqueira de Ambía, a Igrexa da Universidade de Santiago, e a Igrexa de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.

Por último, 'Outros sons' achegará propostas musicais abertas á experimentación sonora no Museo do Mar, o Museo Provincial de Lugo, a Igrexa da Madalena en Ribadavia, as ruínas de Santo Domingo en Pontevedra, ou o Museo do Coiro de Allariz, onde a música se mesturará co son da fervenza que se atopa na parte traseira do museo.

Grupos

A coordinadora do programa, Belén Bermejo, indicou que a iniciativa naceu co obxectivo de ofrecer ás formacións galegas a oportunidade de participar nun programa de música clásica que lles aportase un marco digno no que presentar as súas propostas. Ao tempo, procura "tender pontes" entre música clásica "máis académica con outras propostas musicais máis abertas", e "transferir públicos dun lado a outro"

Deste xeito, a programación nútrese principalmente de formacións galegas, con grupos como Resonet, Música Antiga E. Ultreia, Camerata Vivace, Arte en Parte, Grupo Instrumental S. XX e Martín Códax. E enriquécese con propostas de relevo internacional como as de Ensemble Gilles Binchois, Cuarteto Quiroga, Martina Schobersberger e Michael Oman, Huun Huur Tu ou Scorch Trio.

Os 'Espazos Sonoros' supoñen un investimento de 300.000 euros e contemplan a súa continuidade en vindeiras edicións, con máis espazos e propostas.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com