|  | | | | | 'Valdemuller' é a nova montaxe do Centro Dramático Galego. | | | |
A última produción do Centro Dramático Galego (CDG), 'Valdemuller', chega esta semana ao Salón Teatro de Santiago. Dirixida por Pablo Vergne, a montaxe leva á escena a través de monicreques a novela de Xosé A. Neira Cruz, no que Mina, unha rapaza de 15 anos, emprende unha viaxe na que descubrirá a súa capacidade para enfrontarse aos problemas.
Para atraer o público de máis de oito anos de idade a un espectáculo de monicreques, o CDG bota man de diferentes estratexias. Unha campaña escolar, co seu correspondente material pedagóxico, e a animación na rúa a cargo de Pista Catro, poñen o cebo.
Coa entrada do espectáculo, durante as fins de semana os rapaces poden participar nun xogo de rol previo á función, e que rematará no teatro. A maxia dos monicreques fará o demais, e unha vez que pican no anzol, comezarán a crerse as aventuras de Mina, na procura dos misterios da súa familia, malia que a protagonista, a súa nai, a súa avoa e a súa amiga non abran a boca e sexan asistidas por actrices para moverse.
Co consentimento de Neira Cruz, Montse Piñón, Manuela Varela, Alba Grande, Raquel Queizás e o director dedicáronse a adaptar o texto a linguaxe de marionetas, facéndoo "máis sintético e conciso" e convertendo "toda a narración en acción", sen deixar de lado a mensaxe da "procura das mulleres dun espazo de igualdade e respecto na sociedade".
"Vergne permitiunos xogar cos monicreques como nenas", afirmaron as actrices, que aproveitaron todas as posibilidades que os bonecos ofrecían para voar e dar volteretas. Ao tempo, o director arxentino explorou na tradición galega para converter a viaxe iniciática de Mina nunha viaxe de misterios, con trasnos, ánimas en pena e coa Santa Compaña.
"Conseguimos mesturar a tradición galega, a historia da novela e as nosas propias achegas, que funcionaron moi ben co público xuvenil", comenta a novísima Alba Grande, que interpreta a protagonista.
Así, amais dos bonecos e das actrices, a escena anímase cunha selección musical, unha peza audiovisual e continuas chiscadelas cinematográficas e aos mozos, de xeito que o público "se involucra na historia e mesmo se chegan a sentir identificados cos personaxes".
| O texto de Neira Cruz adaptouse á lenguaxe das marionetas. |
Funcións
'Valdemuller' poderá verse no Salón Teatro ata o 20 de abril os mércores, xoves e venres en funcións para escolares ás 11 da mañá ao longo de catro semanas, e nas fins de semana ás 18 horas para público en xeral, a un prezo de 10 euros a entrada, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados e titulares do carné xove, e a 5 euros os domingos.
A xira inclúe un total de 55 funcións, que despois de Compostela pasará por O Barco (22 e 23 de abril), Vilagarcía (8 e 9 de maio), Ribadeo (15 de maio), Vigo (17 e 18 de maio) e Ferrol (do 25 ao 28 de maio). Ademais, 'Valdemuller' recalará no Teatro Escalante de Valencia e no Festival Fazer a Festa de Porto. |