Inicio

Perfecto Conde recolle o Diego Bernal como unha honra de unir o seu nome ao do xornalista desaparecido

por R. L. - 25/01/2009
 
Conde recibe o premio de mans do presidente da APG, Arturo Maneiro, e do representante de Caixa Galicia. R. L.

O xornalista e escritor Perfecto Conde recibiu o Premio Diego Bernal de periodismo, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia, APG, onte en Santiago de Compostela. O premio é un recoñecemento a «súa traxectoria profesional, sempre en primeira liña, nos medios de comunicación aos que estivo vinculado, e pola súa aportación humana ao periodismo».

 O presidente da APG Arturo Maneiro destacou o compromiso de Conde así como o ser un xornalista de trincheira.
Juan López Rico foi o encargado de glosar a figura do premiado. Subliñou o traballo do xornalista e a variedade de soportes nos que desenvolveu a súa actividade profesional.

Perfecto Conde, no seu discurso, lembrou aqueles profesionais que foron claves na súa formación profesional e tivo unhas palabras agarimosas para o seu glosador. Conde manifestou satisfeito pola  honra de unir con este premio o seu nome ao do seu colega desaparecido Diego Bernal.

O Premio Diego Bernal non ten dotación económica e serve só de recoñecemento a toda unha traxectoria profesional no mundo da comunicación, cunha obra de ourivería compostelá.

O premio entregouse no transcurso dun xantar nun hotel Compostela co gallo da festa do patrón dos xornalistas, san Francisco de Sales, e a que asistiron máis dun centenar de profesionais de toda Galicia. Antes o padre Isorna celebrou a santa Misa na Catedral para pedir para este colectivo a protección do santo.

O premiado

Nado no concello lucense da Pontenova en 1943, Conde estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde participou na revolta de 1968. Despois realizou estudos de Periodismo en Madrid.
Os inicios da traxectoria profesional de Perfecto Conde pasan polo Diario SP, Noticias Médicas, revista Chan, Triunfo e Actualidad Económica. Máis tarde incorporouse ao centro territorial da Televisión Española en Galicia, á corresponsalía da BBC e da Radiodifusión Portuguesa.

Tamén foi corresponsal do diario El País dende o seu nacemento e ata 1982, e traballou na revista Interviú, como delegado en Galicia, xefe de investigación e redactor xefe.

De volta a Galicia dirixiu a revista GAM e nos últimos anos exerceu de xefe de prensa no Concello de Ferrol e como redactor de investigación en A Nosa Terra.

Coordinou a posta en marcha de La Gran Enciclopedia Gallega en 1972, e publicou os libros 'La conexión gallega: del tabaco a la cocaína', e 'Memoria infinda'.


Texto íntegro da semblanza 

PERFECTO CONDE.

Na entrega do Premio Diego Bernal, da APG.


   Coñecín a Perfecto Conde alá polo 1978, na primeira edición do Festival de Música Celta de Ortigueira. Hoxe sei, e xa hai anos que o sei, que cando algo se produce en Galicia por primeira vez, se vai ser importante, Perfecto está alí.

   Non sei por qué, dada a miña mala memoria, aquel primeiro vistazo quedoume no recordo. Sinaloumo o meu amigo Carlitos. Díxome: Ese é Perfecto Conde, o xornalista. Eu chegara había pouco de regreso á Terra e non había cinco anos que rematara a carreira.
  
   Non moito despois coincidín con el na cobertura informativa das vacacións de Calvo Sotelo en Ribadeo, cáseque das nosas vacacións en Ribadeo con Calvo Sotelo, dada a pouca información que éramos quen de producir. Alí estaban Maribel Outeiriño e Luis Mariñas tentándoo tamén, canda nós.

   Daquela época son os famosos “bermoldos” (as bermudas de Leopoldo), de Forges, palabro que eu creo que está inspirado precisamente nunha fotografía de Perfecto Conde que tivera moito éxito.

   Eu, daquela, tamén fixen os meus “pinitos” ca cámara e cheguei a publicar unha foto na portada de “El País”!. É certo: Calvo Sotelo en moto polo porto de Ribadeo. ¡Mágoa que non era o presidente do Goberno, senón o seu cuñado, Erice! ao que fotografei nun momento de non facer nada mentres matábamos horas disfrotando de Porcillán.

   É curioso cómo os xornalistas adicamos unha parte importante da nosa vida laboral a agardar. Non somos como outros profesionais, que teñen aos clientes agardando por eles, como os dentistas ou os abogados, xa non digo nada dos funcionarios. Nós somos como os enterradores, que agardamos antes de poder traballar.
  
    Pero, ao que imos: Parece ser que Perfecto ía para Ciencias e remata en Letras pola influencia das clases as que lle asistía a Alonso Montero. 

   Penso que tiña que haber unha predisposición, malia que a paixón do profesor Montero é innegable, pero hoxe parece natural a acomodación do noso personaxe ao mundo das Letras e, fundamentalmente, da Comunicación: As augas da vocación que andaban esparexidas pola fonda curiosidade do rapaz da Pontenova, foron ao rego de seu e Perfecto, ven a Santiago para estudiar Filosofía e Letras. Aquí atópase coa Universidade do remate dos sesenta, e como ía ser algo importante, Perfecto estaba alí.

   Aínda habían ser as circunstancias as que levasen as augas ao seu curso natural, porque o paso definitivo de Perfecto ao xornalismo vai vir de algo tan circunstancial como a obsesión do comandante Galán, xefe do SIM daquela en Santiago, coa militancia comunista de Perfecto, ao que consideraba un perigoso dirixente do PC. Esta circunstancia empeora o transcorrer máis ben calmo do servicio militar que cumpría no cuartel do Hórreo, onde hoxe é o Parlamento de Galicia, e onde á obsesión de Galán enfronta Perfecto a súa obsesión por conseguir permisos.


   Nestas, cae nas súas máns un anuncio do Ideal Gallego de que se abre o prazo para o exáme de ingreso na Escola de Xornalismo da Igrexa, o que suporía quince días de vacacións militares. Co recorte na mán diríxese á Axencia Llovo, curiosamente a mesma que me tramitou a min a matrícula uns anos despois, e matricúlase para o exáme, “que me importaba un carallo” –tenme dito-, porque o obxectivo era voltar cun certificado para xustificar 15 días de permiso.

   Exáme de actualidade, unha redacción sobre unha viaxe aos Ancares e unha entrevista cos membros do tribunal. Coa tranquilidade de quen lle importa “un carallo”, debate con Bartolomé Mostaza, que non coñecía a Rulfo, sobre literatura latinoamericana e cun  cura que estaba no tribunal sobre a libertade relixiosa na Unión Soviética.

   Para a súa sorpresa, non só aproba, senón que queda entre os primeiros. ¡Alea jacta est, Perfecto sería xornalista!.

   E sería un xornalista global, na xeografía, nos contidos e nos soportes.  Anque sempre o fixo coa paixón e entrega que o caracterizan, non podemos falar de Perfecto Conde como vencellado a un proxecto, cal foi, ¿Chan?, ¿a TVE?, ¿A Nosa Terra?,  ¿Interviú?, éste cecáis foi o que deixou unha pegada meirande no profesional, pero para Conde non hai espazo abondo nun só proxecto. Da a sensación de que sempre deu co momento de dicir: “Bon, a isto xa lle chegou, imos cambiar de óptica”,  e practicou todos os xornalismos, cunha versatilidade de soportes para encauzar o seu oficio que poucos o teñen feito coma el.

   Traballou en diarios de información xeral, desde aquel primeiro Diario SP, ata El País, pasando por La Región, El Progreso, El Periódico de Catalunya ou Avui.

   Escrebeu en revistas de información sanitaria, como Noticias Médicas; en revistas de información xeral, galegas desde Madrid, como Chan, ou españolas desde Galicia, como Interviú, da que despois foi xefe de investigación e redactor xefe. En semanarios “míticos”, como din agora, como Triunfo, ou en La Actualidad Económica. Dirixiu a revista GAM e xubilouse nun semanario galego desde Galicia, A Nosa Terra.

   Tamén andou polos audiovisuais. Foi correspondente de radio, da BBC de Londres, onde era Antonio del Eo, ou na Radiodifucao portuguesa, e tampouco non lle é allea a televisión, pois veu a mediados dos 70 a Santiago con Luis Mariñas e deixou para os arquivos da TVE encontros irrepetibles con xente como Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Dieste ou Fole.

   Mesmo, anque teño para mín que foi o encargo menos acaído ao personaxe, foi xefe dun gabinete de prensa, no concello de Ferrol, do 99 ao 2003, e mesmo foi coordenador nos primeiros tempos da Enciclopedia Gallega.

   Non se me ocorre qué medio no  empregou Perfecto para comunicar, ten escrito tamén un importante libro de investigación, “La conexión gallega, del tabaco a la cocaína” (1991), ainda non superado polo seu esforzo e rigor na investigación e capacidade narrativa, e mesmo unha novela de creación, “Memoria infinda” (1994).
   
   Versatilidade nos soportes, pero tamén nos contidos. Perfecto Conde ten informado de todo: Guerras, dictaduras, narcotráfico, contrabando, pornografía, evasión de capitais, medio ambiente, política, se non se considera citada nos apartados anteriores..., cecais non de deportes, esquecín preguntarllelo. Todos os delitos de que é quen o home, pero tamén todas as súas virtudes,  e pola súa pluma pasaron personaxes como o ministro de Interior mexicano Fernando Gutierrez, Ernesto Sábato, Jean Ziegler, que se  considera “o Beiras de Suiza”, Jorge Amado,  Saramago ou Borges, con que departe en distintas ocasións na súa casa da rúa Maipú, en Bos Aires.
  
   Ou, entre tantos, personaxes que teñen aportado máis ben menos á Humanidade que os anteriores, como é o caso de Berlusconi, co que estivo nas súas oficinas de Fininvest, pero tamén na súa mansión privada. Alí, nun entorno de novela, no que mesmo o maordomo era dirixente da mafia, Berlusconi agasalla a Perfecto cunha pluma de ouro e laca china, que remata escachada baixo a porra dun policía en Santiago, anos despois. Parece cáseque a fábula de “A pluma, o mafioso, o xornalista e a policía” ou unha parábola sobre cómo remata a información de dudosa procedencia.
  
   Pero a cuestión cando valoramos o traballo duna vida, e a que resta, adicada á profesión, como fai hoxe a APG ao conceder este galardón, non é só cánto xornalismo ten feito, que vimos que foi moito, senón, qué xornalismo, porque non é só cuestión de soportes ou contidos, senón da enorme calidade profesional con que desenvolveu o seu oficio e a fidelidade aos alicerces da nosa profesión.

   Cando Mafalda lle pregunta ao pai por unha cuestión dos “seus tempos” e o home lle resposta como facemos nós ás veces coas nosas fillas, contando “batallitas”, a nena laméntase desilusionada, porque esperaba que o pai lle dixera que os seus tempos son ainda estes. Pero é lei de vida.

    Ven esta digresión como parche previo para o pinchazo que vou cometer  ao dicir que algúns caemos na idea de que os nosos tempos foron mellores, cando mesmo poderían non ter sido nen sequera diferentes. Pero eu penso que no xornalismo houbo unha mutación importante como para falar de que, daquela, “nos nosos tempos”, facíamos outro xornalismo.

   O xornalismo que se fraguou contra Franco e que madureceu na transición. Algúns dos que aínda andamos por esta profesión en activo, ao noso pesar, somos superviventes daquela, máis que viventes desta.

   Hoxe o xornalismo é outra cousa, hoxe é parte de outra cousa, é unha peza máis da maquinaria que se montou entón, pero non é o xornalismo que viu cómo se ía construindo aquela maquinaria que rematou por devoralo, desde a independencia de criterio e desde a aventura de contalo.
  
   “A min bastoume achegarme á verdade”, dixo recentemente Leguineche.

   É certo que sempre houbo quen se achegou a quen agachaba a verdade, pero o caso ven a conto porque estas dúas actitudes defínenos dous tipos de xornalismo e Perfecto Conde é dos de Leguineche, dos que se achegan á verdade para contala, non para disfrute das prebendas dos que a agachan.

   Esta predisposición a coñecer e contar, que é o auténtico núcleo duro do noso oficio, enfróntase de cheo ao declive que padece, ao meu entender, o xornalismo no noso país: O que eu chamo xornalismo de segunda mán.

   Segunda mán non só porque non aporta información nova, tamén segunda mán porque hai outra mán, non só a do xornalista, metida no asunto, para marcar a axenda, para que non se chegue ás máis fondas causas e importantes consecuencias. A mán dun político, a mán dun empresario, a mán que bota unha mán ao xornalista para facelo máis rico, máis famoso e menos xornalista.

   Perfecto fixo e fai aqueloutro xornalismo ¡é quen de facelo aínda hoxe!. Esa é a súa lección para os derrotistas coma mín, e intuo que esa é unha das razóns para este recoñecemento que lle fai a Asociación de Periodistas de Galicia.

   Hai pouco cambiou a súa vida administrativa. 65 anos. Xubilado. Pero en menos dun ano anda con dous libros, ten publicado unhas magníficas entrevistas na revista Galegos e manten un blog na rede, Croques, que os propios lectores lle impediron abandonar nun momento de debilidade, porque Perfecto é humano. Pero eu penso, sinceramente, que voltou ao blog 4 días despois de anunciar o seu peche non só pola demanda dos usuarios, senon porque non podía aguantar. É un humano vicioso.

   Algunha vez ten comentado a súa personalidade profesional: “Son consciente –ten dito- de que teño fama de polémico, pero confeso que o son intencionadamente. Non concibo a miña vida profesional sen iso”. Porque o contrario –digo eu- non é a neutralidade, que habería que ver se existe, o contrario é a sumisión: O xornalismo de segunda mán.

   Finalmente, da súa personalidade como home, qué vou dicir, non son psicoanalista, pero Perfecto ten unha frase no seu blog que penso que o define en dúas líñas, non só polo que dí, que tamén, senón por cómo o dí.
   Contestaba a un lector que o acusaba de ter unha visión moi personal do asunto que trataban, non recordo. “Eu son –recoñeceulle Perfecto- radicalmente personal. Só fodería que fose superficialmente colectivo, ¡Vaia!”.

   Intelixencia, humor e opinión propia, con eso, un bolígrafo e algo onde anotar: un xornalista.


   Santiago, 5 de Xaneiro de 2009.

 

    
Sobre este artículo
Subscripción
Si desea recibir en su correo las noticias publicadas en esta sección indíquenos el correo electrónico a donde desea que se le envíen



Acepto que me envíen al correo indicado las noticias que se publiquen diariamente en esta sección

Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Móvil: 696 218 273
editordirector@grupoescomunicaciongalicia.com
Envío de comunicados:
info@grupoescomunicaciongalicia.com
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com
Powered by: PHPCow.com