Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos > Audiovisual

Catro telefilmes galegos compiten na segunda edición de TV Málaga

por Vm - 02/05/2008

Catro dos once telefilmes seleccionados para a sección oficial da segunda edición do festival de televisión de Málaga, TV Málaga, son de orixe galega. Entre eles, atópanse 'A Mariñeira', 'Man morta', 'El espejo' e 'El Tesoro', segundo figura na web do Festival, que se desenvolverá entre os días 5 e 10 de maio. 'A Mariñeira', dirixido por Antón Dobao e producido por Ficción Producciones, Diagonal TV, TVG, Televisión de Catalunya, o Institut Catalá de Industries Culturals e a Consellería de Cultura, está baseado nun relato de Darío Xohán Cabana titulado 'A Mariñeira de Quilmas'.

A produción ten prevista a súa participación en máis de 20 festivais, sendo o de Málaga o primeiro ao que asisten dentro do Estado. Á proxección, que será o vindeiro 6 de maio, asistirá o director, os produtores e parte do elenco, entre os que se atopan Camila Bossa, Antonio Durán 'Morris' ou María Vázquez.

Tamén producida por Ficción Producciones, xunto a Diagonal TV, chega a Málaga o telefilme dirixido por Ramón Costafreda 'Man morta', unha historia de amor, morte e sexo que se proxectará o 8 de maio.

Os que asistan ao festival de televisión de Málaga poderán ver tamén 'El tesoro', rodada na costa galega polo director Manuel Martín Cuenca e producida por Morena Films, Vaca Films e La Loma Blanca. O reparto conta co traballo de artistas galegos como Antonio Durán 'Morris' ou a debutante Paula Charlín.

O galego Álex Sampayo dirixe 'El espejo', unha produción galego-catalá para televisión que mestura drama e terror protagonizada por un matrimonio en crise, interpretado por Leticia Dolera e Pedro Alonso. No reparto da ópera prima de Sampayo interveñen tamén Nuria Prims, Xosé Manuel Olveira 'Pico' e Tamara Canosa.

Todos eles competirán polos premios da crítica e do público con outros produtos como 'Las manos del pianista', dirixida por Sergio Sánchez, ou 'La hija del capitán', dirixida por José Luis García Sánchez con guión de Rafael Azcona sobre textos de Valle-Inclán e que conta coa interpretación de Juan Luis Galiardo, Juan Diego, Adriana Ozores, Pilar Bardem, Paco Tous ou Antonio Dechent. Tamén concursan obras para televisión dirixidas por Jesús Font ou Silvia Quer.

A programación de TV Málaga completarase cun foro de debate sober o futuro dos telefilmes a partir da nova lei do cine, que abre a porta a axudas públicos a este tipo de producións.

    
Sobre este artículo
Publicidad
Publicidad
Encuesta
Hay un total de 85 votos
¿Cre que é positivo manter a ilusión dos cativos galegos, con 'tantos' agasallos dos reis, nestes tempos de crise?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com